Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.11.2019 Actualizado 20:43
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Esquerda dividida

XOSÉ A. GACIÑO  | 02.10.2019 
A- A+

Non é novo que a esquerda se divida, mesmo proclamando a unidade como obxectivo da división. Historicamente, a división máis común producíase entre revolucionarios que optaban pola vía rápida para acabar co sistema capitalista e reformistas que consideraban máis efectivo ir corrixindo os defectos do sistema até chegar progresivamente, se era posíbel, a cambialo substancialmente. Naturalmente, dentro de cada apartado da gran división, sempre houbo subdivisións que recollían os máis diversos matices, relativos, por exemplo, á velocidade do proceso ou ás posibilidades de entendemento con outras forzas, ademais das variantes dos nacionalismos en determinados territorios de España. Todos, por suposto, apelando á necesidade da unión, pero case todos empregando as maiores enerxías en combater aos irmáns ideolóxicos.

O balanzo non é precisamente brillante. As grandes revolucións comunistas do século pasado foron derivando en ríxidos sistemas ditatoriais, que remataron desaparecendo directamente en Rusia (substituído polo que Vaclav Havel chamaba “democracia mafiosa”) ou desnaturalizando os seus principios de xustiza e igualdade para entrar directamente na competición máis puramente capitalista (China). En canto aos reformistas socialdemócratas, viviron o seu máximo esplendor en Europa tras a segunda guerra mundial pero, curiosamente, o afundimento da revolución soviética privoulles dunha importante arma de presión e quedaron case inermes ante a última gran crise financeira. O caso é que, nin pola vía supostamente rápida nin pola vía máis cauta, a esquerda non conseguiu transformar realmente o sistema, aínda que arrincase importantes concesións dos poderes económicos. Como dicía Warren Buffet -o terceiro home máis rico do mundo, segundo a lista Forbes deste ano-, a guerra de clases existe e están a gañala os ricos (Buffet, por certo, é dos supermillonarios que piden ao goberno dos Estados Unidos que se aumenten os impostos aos que máis gañan).

Agora que case todo o mundo espertou dos soños revolucionarios, polo menos no que coñecemos como o Occidente desenvolvido, resulta rechamante que -en España, por exemplo- aínda se manteñan os receos e mesmo enfrontamentos entre revolucionarios que pensan en asaltar o ceo en vez do Pazo de Inverno e socialdemócratas que tratan de recuperar o seu posto de reformador equilibrado. E que, ante a repetición de eleccións e para intentar que unha parte do electorado de esquerda non abandone as urnas ou non teña que sentirse obrigado a escoller entre forzas que xa o decepcionaron, apareza unha nova alternativa de esquerda entre revolucionaria e reformista, como unha sorte de división con vocación de pegamento.

E máis rechamante parece, no contexto europeo no que España está inserida, que non haxa maneira de configurar alianzas entre forzas de bloques diferentes, deses dous grandes bloques -esquerda e dereita- nos que derivou a ampliación da diversidade que se supoñía que ía rematar co bipartidismo e facer máis dinámico e flexíbel o panorama político. As novas forzas emerxentes, que se presentaban como proxectos transversais e abertos que se achegarían aos problemas concretos da xente sen prexuízos ideolóxicos, parecen agora máis cuadriculadas e pechadas que as vellas forzas desgastadas. Se os electores perciben que tamén os novos se desgastan, quizais prefiran volver ao orixinal (e non só na esquerda).

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS