Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Esquerda, pureza e votos

XOSÉ A. GACIÑO  | 05.06.2017 
A- A+

Manter os valores ou manter os votos. Dicotomía que o mesmo poderían manexar as forzas de esquerdas que as de dereitas, pero que case sempre afecta ás esquerdas, quizais por aquilo de que as dereitas están máis atentas aos intereses que aos valores (se é que eses conceptos poden diferenciarse) ou quizais porque a mentalidade media dunha sociedade (iso que algúns asocian co centrismo) soe tender máis ben a conservadora, o que obrigaría ás esquerdas a moderarse, a escorarse ao centro (por non dicir á dereita), se queren gañar unhas eleccións e chegar a gobernar. Hai algúns casos na dereita (Marine Le Pen, por exemplo, disimulando as posicións máis racistas e xenófobas do seu antecesor e pai), pero é moito máis frecuente na esquerda, máis entre os socialdemócratas pero tamén en forzas máis radicais ou mesmo revolucionarias.

O caso é que, entre os social-liberais ben pensantes, se estende a preocupación polo que consideran obsesión de pureza de certos líderes socialdemócratas –e pensan, sobre todo, no español Pedro Sánchez e no británico Jeremy Corbin– aos que atribúen o criterio de que é máis importante ser de esquerdas que gañar eleccións, concluíndo que, por ese camiño da pureza ideolóxica, están a consolidar as opcións conservadoras. Nin Sánchez é máis de esquerdas do que o foi Rodríguez Zapatero antes de renderse no 2010, nin Corbin vai máis alá do que foron os líderes laboristas anteriores a Blair. En calquera caso, nada que xustifique a alarma dos que din preferir os votos aos principios, sen explicar para que queren desprazar do goberno aos conservadores, se van aplicar a mesma política conservadora.

Nos comportamentos electorais xogan moitos factores, entre eles as afinidades ideolóxicas (se non funcionasen estas afinidades, non se entendería por que moitos electores manteñen o seu voto a partidos enlamados na corrupción), e non sempre se len axeitadamente as causas concretas das derrotas electorais, sobre todo á hora de analizar por que se perden votos e cara onde van os votantes desencantados: por exemplo, á abstención ou a forzas máis radicalmente de esquerdas (nas que, á súa vez, un certo triunfo electoral pode levar a unha euforia excesiva ou a sentir a vertixe ante o poder). E unha cousa é que se pulse a opinión da cidadanía para detectar os problemas que máis preocupan aos cidadáns, e ofrecerlles solucións desde a perspectiva ideolóxica de cada forza, e outra elaborar programas políticos á medida da última enquisa coas últimas tendencias da moda consumista.

Algúns parecen suxerir que, salvo ser moi de esquerdas, vale calquera cousa para gañar eleccións. Como a de custearse as campañas electorais con financiamento ilegal?

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS