Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.09.2019 Actualizado 18:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O Estado desiste de defender a prórroga de Ence, que carga contra un cambio "electoral" que pon en risco a planta

A pasteira avisa de que a decisión do Goberno "é unha falta de respecto" para 5.100 familias que dependen da fábrica de Lourizán

Ence na ría de Pontevedra
 - FOTO: EUROPA PRESS - Archivo
Ence na ría de Pontevedra - FOTO: EUROPA PRESS - Archivo

PONTEVEDRA. EP  | 14.03.2019 
A- A+

O Estado desiste de defender nos procedementos abertos na Audiencia Nacional a prórroga da concesión a Ence na ría de Pontevedra, outorgada polo Goberno do PP en funcións en xaneiro de 2016.

Nun comunicado, a compañía amosa o seu rexeitamento ante "o inesperado cambio de criterio" da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar dependente do Ministerio de Transición Ecológica) de desistir o pasado 8 de marzo nos tres procedementos que se seguen na Audiencia Nacional (promovidos polo Concello de Pontevedra, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra e Greenpeace), que pretenden que se declare a nulidade da resolución que outorgou unha prórroga de 60 anos á pasteira.

A compañía sostén que esta actuación do Estado "só pode ser explicada en clave electoral", á vez que "é contraria ao ordenamento xurídico e implica un cambio arbitrario no criterio" mantido "durante todo o procedemento".

Nesta liña, Ence avisa de que esta decisión pon en risco a planta, xa que se este cambio de criterio é aceptado nas sentenzas dos tribunais "podería provocar unha forte destrución de emprego en toda Galicia". Censura que "é unha falta de respecto" para as 5.100 familias que dependen de forma directa ou indirecta da fábrica.

E é que a empresa mostra a súa "sorpresa" debido a que agora a Dirección General "dea argumentos contrarios aos que defendeu até a data no último momento procesual", cando "estaba a defender a absoluta legalidade da orde ministerial que outorgou a prórroga da concesión de Ence".

"FORTE BAIXADA DE PREZOS"
Así mesmo, a pasteira subliña que "o 30 por cento" das persoas empregadas no sector forestal en Galicia dependen da actividade de Ence. Ademais, lembra que a prórroga en 2016 estaba ligada a acometer investimentos por 71 millóns (apunta que máis de 40 millóns están realizadas), ao que se une un plan por 350 millóns no plan estratéxico 2019-2023.

De tal forma, apunta que o sector forestal do noroeste de España "verase moi afectado por unha forte baixada de prezos provocada pola caída da metade da demanda, o que afectará ás máis de 200.000 familias produtoras forestais.

Por todo iso, a compañía advirte de que empregará "todas as vías xurídicas para defender a validez da prórroga da concesión", dado que "intereses de parte e acordos políticos queren anular en contra dos dereitos e intereses dos seus traballadores, provedores, accionistas e de todo o sector forestal do noroeste".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS