Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

DENDE VERIA

Ética en serio

ELÍAS PÉREZ SÁNCHEZ  | 11.03.2019 
A- A+

En outubro do ano pasado foi aprobada no Congreso dos Deputados por unanimidade (milagre político) unha proposición non de lei pola cal se reforzaba a presenza da materia de Filosofía no ensino secundario. En concreto, a proposición que aprobaron por consenso todos os grupos políticos que formaban parte da Comisión de Educación e Formación Profesional solicitaba que Filosofía e Historia da Filosofía convertéranse en materias comúns e obrigatorias no Bacharelato e que a materia de Ética (todas elas eliminadas parcialmente na actual LOMCE) se incorporara como materia común e obrigatoria en 4º da ESO. O obxectivo consistía en incluír un ciclo formativo en Filosofía secuenciado de forma coherente e cronolóxica durante o últimos tres cursos da Secundaria, dun xeito análogo ao que acontece con outras materias. Lamentablemente, no anteproxecto de reforma da LOMCE que o Ministerio de Educación fixo público recentemente, desaparece a Ética como materia común e obrigatoria en 4º da ESO incumprindo o pacto educativo previo e o acordo político que decidira incorporar devandito ciclo educativo de Filosofía e homologando (asimétricamente, iso si) á Filosofía co resto das materias comúns e obrigatorias. E obviando, coma se fose un asunto menor, a presión e o consenso social que recoñecía a necesidade de elevar o status académico da devandita disciplina.

Unha vez máis, un goberno volve instrumentalizar a Filosofía pola súa carga moral e interpretativa e, o que é peor, talvez porque no fondo realmente non lle preocupe a formación integral dos futuros cidadáns. Porque recuperar a Ética como materia obrigatoria en 4º de ESO, máis que algo aceptable, debera ser unha prioridade nunha sociedade mergullada ata as cellas na corrupción. Dicía John Stuart Mill (un filósofo do século XIX nada transgresor, por certo) que o obxectivo prioritario dun sistema educativo democrático debera ser o de construír unha cidadanía autónoma e con capacidade crítica. E que era o Estado o responsable máximo ofrecendo os recursos necesarios e imprescindibles para que a cidadanía puidese alcadar un nivel, alomenos suficiente, de formación moral e crítica que lle facilitase a vida nunha sociedade plural e libre. No século XXI, ese requirimento de Mill tórnase en esixencia. E isto é debido a que resulta canto menos deficiente pensar que o alumnado careza de recursos para analizar críticamente a dimensión do ser humano, o problema da liberdade, as diferenzas e dilemas entre moral-legalidade-política, a relevancia da ética pública e a integridade persoal, os desafíos que presenta a sociedade da información na era dixital, os avances tecnolóxicos ou a xestión responsable da identidade virtual e da interacción social, por exemplo.

A formación en valores cívicos e constitucionais é necesaria e a “ciudadanización” da Ética ou a Filosofía (versión LOE de Zapatero) non debera entrar en colisión coa implementación da Ética como disciplina fundamental da cultura occidental. Pódese aceptar de mala gana que a Ética se converta, no mellor dos casos, nun apéndice curricular insignificante dunha hora semanal nun único curso da ESO. O inaceptable é a súa supresión total. Un goberno que leva a cabo semellante dislate, ademais de romper un consenso unánime, demostra ser un goberno irresponsable.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS