Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 21.20

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

(De)mentes espertas

O eufemismo de ser muller

03.01.2012 

4.7/5 [6 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ALBA LÓPEZ SÁNCHEZ

Pasou o día e pasou a romaría.É o que teñen as datas conmemorativas; só un día de visibilidade e logo volve a cegueira colectiva. Boto en falta ao grande Saramago. En fin, pois iso que seguimos a incrementar as cifras de mulleres asasinadas debidas ao fenómeno “comigo ou con ninguén”, aparecen imaxes de represión en Exipto contra manifestantes pacíficos dirixidas especialmente contra mulleres, seguimos a ler reportaxes de investigación sobre as terribles mutilacións, máis burkas, soldos femininos baixos… mais como imos sobradas eliminamos o ministerio de Igualdade, nin asomo de paridade nos cargos electos e un longo etcétera que penso que non preciso resumir. O tema é que trátase do mundo dos demais, o que non afecta directamente non doe, ou? É un suma e sigue continuo ao que se une agora unha nova forma de esquivar a necesidade de afrontar o problema: o eufemismo. Que as avoas digan iso de “está un pouco recheíña” cando a gordura é salientábel pois bueno, mais coa violencia non podemos facer concesións de ningún tipo. Malia que nos pese, a violencia “no ámbito doméstico” da que falou a nova ministra é violencia machista a secas, sen atenuantes nin posíbeis disolventes ou palabras menos ferintes. E se doe que esa violencia vaia asociada a un xénero coma figura maltratadora, haberá que eliminala. Houbo momentos na historia da humanidade onde a vergoña allea (do noso igual) foi a que moveu e variou a sociedade e as conciencias e tampouco podemos dicir que medrásemos a nivel humano moito máis dende aquela.

Lendo o xornal hai uns días atópome coa triste nova do falecemento da soprano Monserrat Figueras. Especialista en música antiga, deixa tras de si a fundación do coro La Capela Reial de Catalunya. No tratamento da nova no xornal non me molestou a mención ao seu compañeiro sentimental e profesional, Jordi Savall, mais buscando un pouco máis de información áchome con EL Mundo, co titular: “Fallece la matriarca de los Savall” cómo? Perdón? Estamos de broma ou que tipo de titular é este. Irresponsabilidade xornalística chámolle eu. O legado de Figueras non é ter coidado e parido á estirpe dos Savall (desculpade a expresión) senón a súa voz, as súas interpretacións rigorosas da música antiga que a fixeron merecedora da Creu de Sant Jordi. En 2008 foi elixida “artista para a paz” pola UNESCO, a partes iguais co seu home si, mais non tivo unha carreira relegada á súa parella. O que fixese ela no seu tempo de lecer ou familiar non ven ao conto. Gustaríame saber si de ter falecido o violagambista, El Mundo mencionaría á súa muller ou o titular a vida familiar do músico. A situación lembroume unha nova do ano pasado nun xornal galego, que por desgraza non son quen de volver a atopar (será un dos que caeron na represión silenciosa que sofre a nosa lingua) Tratábase dun artigo sobre as mulleres propostas para a súa entrada na Real Academia Galega, e si que mencionábase a traxectoria de cada unha delas, mais tamén nun caso en concreto dicíase dela que era ex muller doutro intelectual, coma se a súa brillante traxectoria profesional en prol da nosa literatura e lingua non fose suficiente. A partir dese momento tropecei varias veces con novas dese tipo, mulleres entrevistadas ou referenciadas polo seu traballo artístico ou profesional nas que se menciona o seu estado civil ou faise referencia á súa parella se é unha relevante persoa aínda que non veña ao caso, mais a situación non acontece á inversa. Éche o reflexo da triste realidade que logo sofremos nunha entrevista de traballo, na que se nos pregunta se temos parella e se contestamos que si, que cómo de estable é a relación para entresacarnos se a maternidade forma parte dos nosos obxectivos de vida. Teoricamente suponse que non se pode preguntar, pero pregúntase. Ao meu mozo nunca lle preguntan por min, pero a min sempre me están a preguntar por el. Ríome por non chorar.

Esa situación é por riba máis insultante cando a pregunta a fai unha muller, cando é unha muller a xefa que pon as trabas á contratación feminina e en moitos casos á maternidade. Nunca dito dun xeito directo mais si con comentarios con segundas: “Non estarás a pensar en ter agora o segundo, non? Coa inestabilidade laboral que hai e o mundo como está…”Por iso ao ler o excelente artigo de Séchu Sendes titulado Tetas, só puiden pensar que a perfección no texto sería se o taberneiro que considera que o dar a teta en público é indecente, non fose un home senón unha muller. Haiche boicoteadores en todas as folgas si, mais a traizón á loita pola igualdade en oportunidades e dereitos (e equivalencia en feitos) entre xéneros por unha muller considéroa suicida e dunha imposíbel xustificación na inconsciencia. Non é ter conciencia de xénero, senón conciencia coma persoa en xeral ao tratar una oportunidade laboral ou ao manipular e redactar a información xornalística. Esixo dende aquí un tratamento profesional no ámbito laboral e público coma persoa e non coma muller, nai, esposa, filla ou obxecto. Para min e para todas as miñas compañeiras, porque as verbas, malia nos pese non son inocuas e podemos seguir a dicir que está escuro cando queremos dicir que o vemos negro (e ben negro), mais pode que así nunca levemos suficientes mistos para alumear na escuridade do camiño cara a igualdade.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS