Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 21.20
A Executiva do BNG deu de prazo ata o próximo luns aos concelleiros nacionalistas de Cee para dar marcha atrás na moción de censura que promoveron, xunto co PPdeG, para desaloxar da Alcaldía ao rexedor, o independente Ramón Vigo.
De non haber cambio na postura dos tres edís do Bloque, que contan co respaldo da asemblea local ceense, o órgano executivo deberá someter a votación a decisión de expulsalos, xa que non hai unha postura unánime, segundo fontes consultadas por Europa Press.
Reunida este luns, os membros da Executiva do BNG, á que xa se sumaron os novos nomes tras a marcha dos tres representantes do Encontro Irmandiño, debateron a presentación da moción de censura contra o rexedor de Cee, que actualmente permanece imputado na coñecida como 'Operación Orquesta' e que goberna en minoría con cinco concelleiros.
Segundo fontes nacionalistas consultadas por Europa Press, a decisión de pedir que se dea marcha atrás non chegou a ser votada por parte dos 15 membros da Executiva, entre os que hai diferenzas á hora de impedila coa expulsión dos edís do Bloque.
Desta forma, e sen que estea previsto que o Consello Nacional deste sábado --máximo órgano de decisión entre asembleas-- debata no que é a súa primeira reunión tras a XIII Asemblea sobre a moción de censura, a próxima Executiva terá que definir por votación a súa postura final, xa que non hai unanimidade entre os seus membros.
Si está a favor do expediente Alternativa pola Unidade --plataforma que auspicía a UPG-- co voceiro nacional, Guillerme Vázquez, á cabeza.
EXPULSIÓN E TRANSFUGUISMO
Así as cousas, se a Executiva decide a semana que vén a expulsión dos concelleiros do BNG de Cee, a moción de censura podería chegar a non debaterse, xa que a reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Loreg) establece supostos para evitar casos de transfuguismo.
Non obstante, os nacionalistas ceenses rexeitan, tal e como explicaron a Europa Press, que sexan tránsfugas, posto que eles non estarían yéndose a outro grupo, senón que serían expulsados en bloque pola dirección do partido que non autorizaría a moción. Así, aseguran que cabe "interpretación" sobre a normativa.
Neste sentido, confían en que a dirección da organización frentista non promova a súa expulsión do BNG e mantéñense á espera dunha reunión coa Executiva, á que foron convocados --aseguran-- de xeito "informal" para abordar este asunto.
A Loreg establece que, no caso de que algún dos propoñentes da moción formase parte, inicialmente, dun grupo político municipal ao que deixara de pertencer, "por calquera causa", ao grupo municipal ao que se adscribiu ao inicio do seu mandato, a maioría absoluta non é suficiente.
Desa forma, habería que sumar, a esa maioría, tantos votos como edís estean na mencionada situación. No caso concreto de Cee, de aplicarse este apartado do artigo 197 da lei, aos votos do PP habería que sumar outros tres máis, que non hai.
OUTROS ASUNTOS EXECUTIVA
Por outro lado, a dirección do BNG volveu reclamar este luns aos cargos escindidos da formación frentista que devolvan as súas actas, algo que, polo momento, atinxe a municipios como o de Teo, en que o seu alcalde, Martiño Noriega, e outros cinco concelleiros xa comunicaron a súa baixa no BNG.
Desta forma, o BNG emitiu un comunicado no que se indicaba, entre outras cuestións, que a Executiva acordara emprazar as persoas que se desen de baixa da formación a devolver as actas de concelleiros. Fontes nacionalistas confirmaron a Europa Press que este asunto foi trasladado aos membros da Executiva polo voceiro nacional e que non chegou a someterse a votación, xa que tampouco foi solicitado este extremo.
