Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

EN PONTEVEDRA

Éxito de público no día grande do Culturgal

Este domingo será a última oportunidade para gozar coa ampla oferta cultural que presenta a feira // Nove presentacións de novidades editoriais da man dos seus escritores, cinco concertos en vivo y dúas obras de teatro

PONTEVEDRA  | 04.12.2011 
A- A+

Obradoiro de cociña en Culturgal

O público ateigou o Pazo da Cultura de Pontevedra dende primeira hora da mañá do sábado. As familias facían cola antes da apertura de portas, ás 11h, para anotar os nenos e nenas aos obradoiros da cociña infantil e de maquillaxe, nos que participaron máis de cen pequenos. Chea de público familiar estivo, tamén, o contacontos con ilustración en directo de Vou ter un irmán que ofreceron María Solar e Xosé Tomás. As actividades para os máis pequenos continuarán ao longo da tarde, dende O guiso de Matreska, ás 17h30, ata os Contos da xanela, ás 20h.


No resto dos cuartos do fogar da cultura que é Culturgal tamén bulía a actividae no día grande da Feira. A música comezou ás 11h30, co jazz de Alberto Vilas Quinteto no Patio. Despois, Combo Dinamo ofreceu a perfecta mestura pop de Quieto, muere, resucita e de seguido lle tocou á Banda Crebinsky, que ofreceu un concurridísimo showcase para presentar o DVD da película. Entre medias, Terbutalina ofreceron unha dose da súa música divertida e irreverente nun lugar único: os baños do Pazo da Cultura. Un concerto sorpresa que de non pasou desapercibido entre o público máis novo da feira. Pola tarde, haberá moita máis música, dende a presentación do disco República Billarda por parte da LNB, a actuación de Berrogüetto na presentación do libro Berrogüetto: O pulso da terra, o Método Cardiofónico de Germán Díaz e o concerto de surf instrumental de Pedrito Diablo y los Cadáveras.


O programa literario arrincou coa presentación de Onde mercan os larpeiros e da colección de “Cociña infantil e familiar” de Ouvirmos, dous bos exemplos de proxectos que combinan cultura e gastronomía. Entre medias, 2.0. Editora presentou o seu proxecto editorial e os autores de Criaturas presentaron o libro baseado no programa da TVG. As novelas xuvenís Dragal I e II, de Elena Gallego, pecharon a programación literaria da mañá. Pola tarde, será o turno do xogo literario e teatral Collage, do colectivo da Porta Verde, a Guía de libélulas de Galicia, o Nómades de Xosé Tomás e de dúas das conversas de salón máis esperadas da Feira, as que manterá o xornalista pontevedrés Manuel Jabois con Manuel Rivas e José Luis Cuerda e con Domingo Villar e dous novos autores de novela negra: Xosé Manuel García López e Francisco Varela Losada.


Neste día grande do Culturgal, tamén houbo, por suposto, tempo para as novas tecnoloxías, o audiovisual e a cultura “marxinal”, que dende primeira hora da mañá debate sobre o papel social da cultura e sobre a súa complexa relación coa industria.


Finalmente, xa pola noite, Os da ría conducirán o Culturgal aEscena, un espectáculo multidisciplinar no que tamén participarán Davide Salvado, P&G Circus, Ke-percusión, La Macana e Chévere.



E o domingo

Por terceiro día consecutivo a Feira das Industrias Culturais ofrece unha ampla oferta cultural para todos os públicos no Pazo da Cultura de Pontevedra. Esta gran encontro está a piques de rematar pero este domingo segue sendo un día intenso de actividade e de propostas nas que todo o público está convidado a participar.


Ás 11h30 comezan ás presentacións no salón coa Guía didáctica de instrumentos musicais de Ouvirmos, ao que lle seguirán as conversas de Xesús Fraga cos escritores Mario Regueira e Jacobo F Serrano, ambos con publacións sobre Lois Pereiro. Ao mesmo tempo, o cuarto dos nenos ferverá de actividade con unha presentación de Galeoke onde os máis pequenos da casa poderán montar a súa propia orquestra no pazo a partir das 11h30. Media hora despois será Mamá Cabra no Auditorio erguerá das súas butacas a maiores e pequenos cos seu especáculo Xa me tardan eses magos, moi acaído nestas datas.

Ás 12h30 tamén temos concerto no Patio coa presentación do folk acústico de Assembly Point e ás 13h30 a banda da violinista Begoña Riobó encherá de boa música este espazo.


No salón seguiranse producindo encontros e charlas entre escritores e público coa presenza destacada de María Xosé Queizán, Antón Riveiro Coello e Pere Tobaruela.

Ás 14h30 pechará o pazo para facer un pequeno descanso, pero ás 16h30 xa estaremos de volta con máis música, esta vez directamente desde Angola, Aline Frazao e a súa mestizaxe sonora e ás 17h30 a violista Patricia Moon tomaralle o relevo con temas do seu novo disco.

Entre tanto seguimos no salón con propostas literarias de Fran Alonso con Ninguén e o libro colectivo de A Praza é Nosa, coordinado por Marcos Perez.


No eido das artes escénicas a compañía Mambo fará tres espectáculos curtos, duns 15 minutos, na entrada do Patio espallados durante toda a tarde no que primará o humor e Elefante Elegante presentará a Calçada da Memoria no faiado, una interesante aposta artística chegada de Portugal.


Xa cara ao final da tarde Vaamonde, Lamas e Romero presentarán o seu traballo homenaxe aos Trinta de Trives e a cantante Uxía conversará coa xornalista Teresa Cuíñas sobre a súa carreira musical, que resume no seu último disco: Meu Canto. Seguirlle o escritor Carlos Callón con dúas propostas literarias sobre o uso da lingua galega e sobre as orixes do “pecado” de sodomía. Porán o punto final desta gran semana da cultura galega, o grupo 2us, que mostrarán o ben que senta a espontaneidade do jazz, o funk e a world music para un bo fin de festa. Así rematarán tres intensos días que fixeron de Pontevedra e do seu Pazo da Cultura o epicentro das industrias culturais galegas.



Máis información sobre Culturgal

A Feira das Industrias Culturais está organizada pola Asociación Culturgal, unha entidade da que forman parte as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). Culturgal 2011 conta co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), do Concello de Pontevedra, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Ministerio de Cultura do Goberno de España.



Contacta con nós:

Correo-e: comunicacion@culturgal.com

Web: www.culturgal.com

Flickr: http://www.flickr.com/photos/culturgal

Facebook: http://www.facebook.com/cultur.gal

Twitter: http://twitter.com/culturgal

Vimeo: http://vimeo.com/culturgal

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS