Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A extinción do incendio de Mondariz custou máis de 100.000 euros e mobilizou a 350 persoas

SANTIAGO. EP  | 11.10.2018 
A- A+

O custo estimado da extinción do incendio rexistrado o pasado domingo en Mondariz (Pontevedra), nas parroquias de Sabaxáns e Gargamala, e que puxo en perigo os núcleos de Barro e Barral, superou os 100.000 euros e na súa extinción mobilizouse a un total de 363 persoas.

Así o expuxo o conselleiro de Medio Rural, José González, na súa visita á zona afectada e da que informa o departamento nun comunicado, no que pon de manifesto a gravidade do incendio tendo en conta, ademais, que "todo indica que o lume foi intencionado e que foi preciso declarar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación".

Por este motivo, sinalou que é necesario intensificar as tarefas de investigación do sucedido, para pór a disposición xudicial ao responsable ou responsables do incendio, e reclamou "tolerancia cero" cos incendiarios.

A Consellería do Medio Rural sinalou que no incendio se movilizaron un total de 363 persoas entre efectivos do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais e persoal de emerxencias --axentes de policía autonómica, bombeiros comarcais, voluntarios de protección civil, etc.--. O lume calcinou un total de 159 hectáreas.

José González puxo en valor o traballo dos profesionais que participaron no operativo. Neste sentido, apuntou que a alerta do lume chegou dun punto de vixilancia da Consellería e que, tan só 13 minutos despois do aviso, os medios xa estaban a actuar na zona, incluído un helicóptero coa súa correspondente brigada.

Indicou que, ademais, só no primeiro día da actuación os helicópteros mobilizados realizaron até 88 descargas en tan só hora e media (o lume comezou ás 18,17 horas e tiveron que retirarse co ocaso), o que supuxo un volume de máis de 111.000 litros de auga.

MEDIOS HUMANOS E MATERIAIS
En conxunto, na extinción do incendio participaron 3 técnicos, 20 axentes, 47 brigadas terrestres e 10 helitransportadas. Os medios materiais mobilizados foron 33 motobombas, 5 pas, 1 tractor, 10 helicópteros e 2 avións, ademais de instalar un posto de mando avanzado na zona.

O lume afectou a 159 hectáreas, das que 89 son de monte raso e 70 de arboledo, sendo preciso declarar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos habitados. Mesmo se desaloxaron uns 60 veciños, que foron levados á igrexa parroquial de Gargamala.

Nesta visita, o conselleiro informou ademais de que Mondariz foi un dos concellos nos que máis repeticións de lumes houbo este mes de outubro (até seis incendios en sete días).

De feito, apunta, durante a extinción deste lume, e cando xa estaba decretada a Situación 2, rexistrábase un novo incendio na parroquia de Riofrío, que quedou en conato grazas á rápida intervención do dispositivo de extinción.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS