Hemeroteca web
|
RSS
Luns 20.05.2013
| Actualizado 00.16

Os incendios forestais rexistrados nos concellos lucenses de Samos e Vilalba, que arrasaron unhas 460 hectáreas, foron extinguidos, tal e como informou a Consellería de Medio Rural.
A través dun comunicado, o departamento que dirixe Rosa Quintana recordou que o incendio de Samos se iniciou o pasado xoves ás 15.56 horas e quedou extinguido ás 22.35 horas. Afectou a unhas 440 hectáreas, segundo as primeiras estimacións provisionais, das que 370 son de monte raso e 70 de superficie arbolada.
Na súa extinción participaron tres técnicos, 13 axentes forestais, 22 brigadas, 15 motobombas, unha pa, catro helicópteros, dous avións e unha avioneta.
En canto ao lume de Vilalba, iniciouse ás 21.36 horas deste venres e quedou extinguido ás 4.26 horas. Segundo as estimacións provisionais, a superficie afectada é de 22 hectáreas, das que 20 son de monte raso e as dúas restantes, de arbolado.
Para o seu control, traballaron dúas axentes forestais, catro brigadas, tres motobombas, unha pa e unha patrulla da Garda Civil.
ECOLOXISTAS
Os ecoloxistas aseguran que o incendio que se iniciou o xoves pola tarde na estrada que vai de Santalla ata a aldea de Gamiz, en Louzara, chegou nun momento a Serra da Escrita (concello do Courel). O lume chegou a rodear a aldea de Gamiz, pero freou no souto de castiñeiros que a protexe o mesmo que fixo o sábado pasado cando o outro incendio, non puido atravesar o souto da aldea de Bustofrío.
Durante a noite o lume estendeuse en dirección a Devesa de Paderne, Cortes e Seceda. "A superficie queimada" indican "debe aproximarse as mil hectáreas", indicaron. Todo en espazo protexido pola Rede Natura do LIC Ancares- Courel.
