Hemeroteca web
|
RSS
Venres 24.05.2013
| Actualizado 09.08
Sete incendios rexistrados na provincia de Ourense quedaron extinguidos nos municipios da Mezquita, A Gudiña, A Veiga, Castrelo do Val, Vilariño de Conso, San Xoán de Río e Chandrexa de Queixa, que arrasaron unhas 920 hectáreas de superficie.
Segundo informa a Consellería do Medio Rural e do Mar, ás 9.00 horas deste mércores non quedaba ningún incendio activo en Galicia. En concreto, ás 4.00 horas quedou extinguido o incendio forestal rexistrado na parroquia de Pereiro, na Mezquita, que empezou ás 13.45 horas do martes.
A superficie afectada, segundo as últimas estimacións provisionais, situábase nas 230 hectáreas, das cales 30 corresponden a monte raso. Na extinción deste lume colaboraron un técnico, cinco axentes forestais, cinco brigadas, tres motobombas, unha pa, catro helicópteros e tres avións.
Tamén quedou extinguido dende as 23.45 horas do martes o incendio rexistrado na parroquia de Barxa no municipio da Gudiña, onde resultaron afectadas unhas 71 hectáreas.
O incendio rexistrado na parroquia de Ponte, na Veiga, quedou extinguido ás 3.45 horas deste mércores, tras afectar a unhas 350 hectáreas, todas elas de monte raso.
Así mesmo, quedou extinguido ás 4.00 horas deste mércores o lume declarado na parroquia de Parada de Serra -- aínda que inicialmente se situara na de Campobecerros-- do municipio de Castrelo do Val, no que resultaron afectadas unhas 70 hectáreas, das cales 20 corresponden a monte arborado e o resto a raso.
OUTROS LUMES
Medio Rural indicou, ademais, que ás 02:36 horas deste mércores quedou extinguido o incendio rexistrado na parroquia de San Martiño, no municipio de Vilariño de Conso, que se iniciara ás 13.55 horas do martes e que arrasou 70 hectáreas rasas, segundo as primeiras estimacións provisionais.
Pola súa banda, o lume declarado na parroquia de Vilardá no municipio de San Xoán de Río quedou apagado ás 4.00 horas e afectou a unhas 60 hectáreas rasas. Este incendio iniciárase ás 19.35 horas do martes e na súa extinción traballaron catro axentes, catro brigadas e tres motobombas.
Tamén ás 5.17 horas deste mércores quedo extinguido o incendio forestal iniciado ás 17.15 horas do martes na parroquia de Queixa, no municipio de Chandrexa de Queixa, que afectou a unhas 70 hectáreas rasas.
