Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 03.09.2014  | Actualizado 01.53

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A VOZ A TI DEBIDA

Fabio Barberini: o embaixador italiano de Galicia

JORGE M. DE LA CALLE  | 19.12.2011 
A- A+

O italiano que mellor fala galego, ou o galego con mellor acento italiano. Así poderiamos denominalo, de forma divertida, aqueles que o coñecemos e temos confianza, amizade e admiración por el, aínda que sexa moito máis que isto. Porque este profesor e doutor “cum laude” en Filoloxía Románica e Portuguesa, e especialista en textos medievais de trobadores galaico-portugueses, así como na obra do poeta portugués Eugénio de Andrade, nada máis e nada menos, é un auténtico amante da cultura galega e galaico-portuguesa. Un embaixador de Galicia por onde vai, xa sexa no seu país natal ou por onde for, Fabio Barberini leva a pegada do galego e da lingua galega a lume no sangue, na memoria e no corazón.


Discípulo do profesor Giuseppe Tavani, e de persoeiros como Anna Ferrari e Saverio Guida, que tanto fixeron por compilar a tradición das cantigas galaico-portuguesas e darlles forma e sentido, o seu amor pola tradición trobadoresca foi a punta de lanza para que coñecera Galicia. Quen ía dicir que, despois da súa primeira estadía na nosa terra, en Compostela e Vigo, en 2004, durante un congreso de catro días nos que non parou de chover, ía quedar prendado e namorado da cultura, da terra e da xente galegas.


A primeira impresión non foi nada boa, tampouco que o meteran nunha barca o último día e o levaran atravesando a ría de Vigo para a illa de San Simón, por moita cantora medievalista que recitase, mais isto non constituíu un obstáculo para que Fabio voltase en 2006 a face-lo primeiro ano do curso de Galego para Estranxeiros que organiza o ILG (Instituto da Lingua Galega), e en 2010 volver para o segundo, tempo no que puido entrar en contacto de forma sistemática e rigorosa coa lingua e a cultura galegas. Manuel Rivas foi un dos primeiros escritores aos que puido oír falar da súa boca, o mesmo que escribiu O lápis do carpinteiro, unha das primeiras obras galegas que leu. E Uxía Senlle unha das primeiras cantantes que escoitou de viva voz, ensinando a súa arte nun dos magníficos encontros que organiza o curso tan ben coordinado por Malores Villanueva e dirixido por Francisco Fernández Rei.


Dende entón garda verdadeira devoción por ela e a súa arte, pero tamén por Mercedes Peón, Luar na Lubre, Suso de Toro, Antón Reixa, Xesús Alonso Montero, Helena Villar Janeiro, Carlos Callón, etc. etc.. Aos dous primeiros (Manolo Rivas e Uxía) tivo a sorte mesmo de coñecelos en persoa e falarlles, como aos tres últimos, e a Xosé Neira Vilas, autor de Memorias dun neno labrego, o primeiro libro que leu en galego. Dalgúns deles é tamén amigo, e dende ese 2010 que xa sería inesquecíbel para el, intensificou aínda máis a súa relación con Galicia, até o punto de que dende xaneiro de 2011 se establece a vivir aquí, primeiro en Ourense e logo en Santiago, cidades que quere, aínda que para el o clima dunha sexa máis benévolo có da outra.


Doutor e profesor dende moi cedo (é o docente máis novo da Universidade na que imparte, a da localidade italiana de L'Aquila), Fabio Barberini atopou acubillo no departamento da profesora Ferrari, coa cal realizou todas as súas investigacións, sempre de grande interese e indubidable valor para a filoloxía. Dende aquel momento en que realizou certos valiosos achádegos sobre un manuscrito medieval, coma quen non quixer a cousa, e llelo comunicou aos seus mentores Ferrari e Guida, a traxectoria deste precoz e brillante investigador non deixou de crecer. Levou a cabo a edición crítica de Rostainh Berenguier de Marseilha, cuxa única edición existente ata ese momento era de P. Meyer en 1871 e deixaba sen solución moitísimos problemas. El conseguiu corrixir algúns erros da cronoloxía proposta por Meyer e resolver algunhas interpretacións que quedaban pendentes. Esta edición sairá o vindeiro ano. Tamén trobadores anónimos da última época da poesía trobadoresca provenzal foron obxecto da súa fina e aguda ollada. Neste ámbito realizou a edición crítica dunha pastorela da que, a pesar de contar cun montón de edicións, ata hoxe ninguén se fixou na particular estructura métrica, cuxa análise fora errada ata agora. Realizou a primeira edición diplomática do fragmento de Siena, que foi descuberto en 1905, mais ata hoxe nunca fora publicado integramente; e o fragmento da Biblioteca de l'Aja, descubrendo as súas relacións con manuscritos trobadorescos de orixe italiana e, en particular, véneta, moi importante no cadro da tradición manuscrita dunha colección de poemas políticos de Bertran de Born, trobador fundamental das primeiras xeracións. A este respecto propón unha hipótese sobre os códices moi interesante.


Seguindo nesta liña de estudar con detalle a literatura menos estudada, e prestarlle atención ás cousas pequenas co mesmo coidado que ás grandes, Fabio Barberini estuda cancioneiros provenzais pouco estudados, e agora mesmo está levando a cabo unha investigación sobre o cancioneiro provenzal “f” conservado na Biblioteca Nacional de París, o que o levará, na súa peregrinaxe polo mundo, a Franza para seguir quitando o po a vellos manuscritos para dalos a coñecer á sociedade. Por último, pero non menos importante, traballa con literatura portuguesa e contemporánea, e moi especialmente con Eugénio de Andrade, poeta e prosista homosexual e de esquerdas, sobre o que versou a súa tese, valorada coa máxima puntuación. Ten pendente un ensaio sobre el, que será o único traballo até agora en que se reconstrúa toda a traxectoria editorial da obra deste poeta, que, por costume tiña o ámbito de modificar cada poemario en cada reedición. Tamén un par de artigos sobre a súa figura, dous traballos para completar a edición de Rostainh Berenguier de Marseilha moi reveladores sobre a súa autoría; e outro sobre a rima no Lai de l'Ombre. Un traballo sempre rigoroso, profundo e brillante, que lle valeu o recoñecemento académico e os parabéns dos seus mentores, mais que, nun ámbito tan minorizado hoxe en día como o da filoloxía, e co simple status de bolseiro e investigador, non se traduce en poder ou euros. Pero non é isto o que move a Fabio: o que o move é a excelencia. Tanto profesional como persoal.


Afiliado ao Partido Comunista Italiano dende os 16 anos, activo activista comprometido co seu tempo e a súa sociedade, sempre defendeu as causas xustas. Desde aquela pedrada que dirixiu, instintivamente, contra o policía que estaba mallando inhumanamente contra un estudante menor de idade que só cometera o delicto de manifestarse no Liceo Francés no que estudaba, ata hoxe, sempre se distinguiu por axudar aos que máis o necesitaban, como amigo, como profesor, como animal político ou como voluntario social. A policía detívono daquela por tan “incivico” feito, defender a un rapaz da violencia legal e institucionalizada, e incomunicouno durante toda unha tarde. Non o denunciaron porque sería vergoñento denunciar a un menor e por riba por defender a outro, e o rapaz que saíu vivo das mans do axente estaríalle eternamente agradecido polo que fixo, mais non puido coñecelo e darlle os parabéns ata hai un ano. Nunca o esquecera, díxome persoalmente o rapaz a quen salvara.


En abril de 2009, a terra debaixo de L'Aquila rachou. Máis de 300 persoas morreron, entre eles moitos estudantes coñecidos, e unhas 1.500 resultaron feridas nesta cidade da rexión dos Abruzzos, unha sorte de Compostela igual de pequena, encantadora e universitaria, na cal se criou e formou. A cidade quedou literalmente arrasada. Tamén o seu piso rematou baixo os escombros, e só salvou os seus valiosos libros. Mais el viviu de miragre. Aínda recorda a inquedanza poucas horas antes do tráxico suceso, e o paseo cuns amigos polas aforas da cidade, en metade da noite, en medio do cal viu como, nunha milésima de segundo, todo podía virse abaixo, como un castelo no aire. Como unha cidade tras un bombardeo invisíbel. Dende entón, el, como todos os seus veciños, tiveron que readaptarse á nova situación: cambiar de casa, traballar en acampamentos, refacer a súa vida... pode que fose unha experiencia traumática, e pode que a cidade xa non exista, mais o importante foi que el, como a maioría dos seus, rexurdiron das súas cinzas coma a ave Fénix, comezaron dende cero e levan a cidade e a súa vida no corazón.


Porque as súas ideas políticas e persoais son un todo, coherente, e correspóndense con feitos; porque é un importante especialista nos trobadores, e amante da lingua e a cultura galegas, ademais de embaixador dela... mais tamén simplemente porque é unha boa, e gran persoa, cómpre darlle os parabéns neste o seu día. Feliz aniversario, Fabio. Esta é a túa casa, esta é a túa terra. Por moitos anos.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS