Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Facer de matón está de moda

MANUEL MERA  | 13.06.2019 
A- A+

Dúas tendencias contrapostas confrontan no momento actual. Por unha banda, China e outras potencias emerxentes, como India, Rusia, Turquía e Indonesia, teñen un papel máis importante na economía mundial. Por outro lado, Estados Unidos impón normas e criterios a cada vez máis países do mundo, á marxe das regras de xogo acordadas despois da Segunda Guerra Mundial, que serven de base aos organismos e á lexislación internacional.

Estas contradicións non se poden resolver cunha guerra mundial, como sucedeu historicamente, tendo en consideración a existencia de armas nucleares en ambos bandos. Polo que se utilizan as chamadas guerras hibridas, nas que se combinan sancións, a especulación monetaria, a intervención militar, a información falsa, a sabotaxe cibernética, etc. En todos estes aspectos Washington leva a dianteira. Claro que faise a costa da progresiva destrución da convivencia entre nacións, tanto no plano político, como económico e mesmo empresarial, a preservación dos ecosistemas tampouco está á marxe.

Esta estratexia está apoiada tanto polos republicanos como polos demócratas, non se escoitan moitas voces en contra das sancións a Iran, Venezuela, Cuba, Rusia, China... nen en relación a que estas se estendan ás empresas como Huawei, ou a Turquía por mercar a Rusia os mísiles S-400 en lugar dos Patriot norteamericanos. En realidade, polo momento, as presións estanlle dando resultado a Trump, xa que a economía medra a un ritmo superior á doutros países industrializados (o 3,2% no primeiro trimestre), e o emprego está nas porcentaxes máis baixas dende a guerra de Corea (nun 3,6%). Asemade, un 60% das grandes empresas beneficiáronse de non pagar impostos (malia gañar 79 mil millóns, conseguiron devolucións por 4.300 millóns de dólares), e recibiron como regalo extra unha baixada do imposto de sociedades do 35% ao 21%. Claro que a costa de reducir prestacións públicas e do medre da desigualdade. Porén, en principio, todo indica que ten moitas posibilidades de ser re-electo nas presidenciais do vindeiro ano, máxime cando as clases populares carecen de forzas organizadas e medios de comunicación comparábeis aos republicanos e demócratas.

Agora ben, esta política extorsión cara outros estados, e que tamén afecta con métodos menos expeditivos a países que son socios políticos e comerciais, é posíbel porque as principais potencias aliadas, como son a Unión Europea e Xapón, avalan ou consenten esta estratexia. Evidentemente non o fan porque lles goste, senón porque mesmo coas perdas que implica esta ruptura das regras de xogo, e os axustes correspondentes, séguelles sendo beneficioso. Compénsano participando na rapina a nivel mundial (da que Estados Unidos e a OTAN son a máxima garantía). Unha opresión e super explotación que padecen as nacións dependentes, con e sen estado propio.

O último caso, por pouco tempo, sobre a utilización da presión con fins estratéxicos (sexan económicos, sociais ou políticos) foi a ameaza de Washington de aumentar os aranceis ás exportacións mexicanas, se López Obrador non fai de muro policial contra a masiva inmigración que fura a fronteira sur dos Estados Unidos. A postura de Trump está ligada a cumprir súa promesa no tema migratorio (aínda que sexa aparente ou conxuntural), dado os atrancos que atopa no Congreso para construír o muro, e a proximidade das eleccións presidenciais.

México ten unha gran dependencia das exportacións aos Estados Unidos, representan máis do 80% do total, ao que cómpre engadir as remesas dos emigrantes (máis de 36 millóns de persoas) que foron de 26 mil millóns de dólares en 2017. Daquela a rapidez coa México cedeu a reforzar a súa fronteira con Guatemala para filtrar aos inmigrantes, e ademais dise que vai aumentar a merca de produtos agrícolas aos Estados Unidos. Para manter unha postura de maior firmeza necesitaría aumentar a diversidade de destino do comercio exterior, e potenciar unha economía autocentrada. Ou sexa, dar pulo ao sector público, ter un proxecto económico propio, redistribuír o ingreso para aumentar o consumo, e desenvolver o cooperativismo e a empresa local. O acordo con estados Unidos seica vai acompañado da promesa dun plan de desenvolvemento do sur de México e dos países centroamericanos, que semella vaino levar o vento, máxime cando non se concretan os recursos para poñelo en práctica.

Este rápido éxito de Trump, respecto da postura de México coa cuestión da inmigración, potencia aínda máis a súa liña de belixerancia nas relacións internacionais, xa que a conclusión é: a forza dá resultado. Polo que seguirá a abrir frontes de conflito no exterior, especialmente cos países máis débiles. Agora ben, aínda tratándose da maior potencia do mundo no ámbito militar, financeiro, das novas tecnoloxías da comunicación, e ser un país inmensamente rico en recursos, a paciencia das potencias emerxentes para evitar a conflitividade ten un límite. Non poden admitir cambios nas regras de xogo que hipotecan o seu futuro, na só como potencias, senón ademais como estados soberanos. Máxime cando a esta altura teñen unha enorme fortaleza no ámbito industrial e demográfico (tamén no militar). Asemade, non se pode obviar que ningunha das intervencións militares de Estados Unidos e aliados nas últimas décadas fose quen de terminar nun triunfo completo, así como que as potencias occidentais como bloque non deixen de perder peso no PIB mundial. Estas son as razóns pola que moitos analistas entenden que o mundo multipolar é imparábel, malia as ameazas e demostracións de forza do Goberno estadounidense. Polo tanto, todos os escenarios seguen abertos, ficamos no que se considera unha conxuntura, malia que Trump pense que Estados Unidos é e será o dono do mundo.

Manuel Mera

 

 

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS