Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 19.07.2019 Actualizado 12:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Falece o galego Darío Rivas, impulsor da querela arxentina contra os crimes do franquismo

En 2005 recuperou o corpo do seu pai, alcalde de Castro de Rei asasinado en 1936, nunha exhumación de fosas comúns en Portomarín

Darío Rivas tenta entregarlle unha carta a Angela Merkel
 - FOTO: EUROPA PRESS - Archivo
Darío Rivas tenta entregarlle unha carta a Angela Merkel - FOTO: EUROPA PRESS - Archivo

SANTIAGO. EP  | 17.04.2019 
A- A+

O galego Darío Rivas, impulsor da querela arxentina contra os crimes do franquismo, faleceu aos 99 anos de idade en Buenos Aires (Arxentina).

Segundo informa a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), Rivas faleceu o luns na capital arxentina, onde residía tras emigrar de neno.

Era fillo de Severiano Rivas, alcalde republicano de Castro de Rei (Lugo), secuestrado e asasinado en 1936 por "traizón á patria". En 2005, Darío Rivas conseguiu recuperar o corpo do seu pai, tras ser atopado nunha das exhumacións de fosas comúns realizadas pola ARMH no municipio lucense de Portomarín.

Coa presentación da querela en Arxentina en 2010 buscouse abrir unha causa en xurisprudencia internacional contra o xenocidio do franquismo desde 1936 até a 1975, na mesma liña que supuxo o procesamento de Augusto Pinochet, ante a existencia en España da lei de amnistía e punto final que impide estes procesos.

A QUERELA SEGUE ABERTA
A ARMH destaca que "a querela arxentina que Darío abriu en Buenos Aires segue aberta e desde que el abriu aquela porta sumáronse a ela numerosas vítimas e organizacións que seguiron os seus pasos".

Precisamente, a última gañadora dos Goya ao mellor documental, 'O silencio doutros', retrata a loita de vítimas como Darío Rivas por conseguir xulgar crimes de lesa humanidade.

De feito, hai uns días a xuíza arxentina María Servini, que instrúe desde 2010 o único proceso xudicial do mundo que investiga os crimes do franquismo, volveu a chamar a declarar ao exministro, desde 1975 a 1979, e exdiputado do PP, Rodolfo Martín Vila, por seis presuntos homicidios cometidos nunha xornada de folga laboral durante a Transición.

TENTOU ENTREGAR UNHA CARTA A MERKEL EN SANTIAGO
En agosto de 2014, con motivo da visita a Santiago de Compostela da chanceler alemá, Angela Merkel, Rivas tentou facerlle entrega dunha carta en man durante un paseo na Praza do Obradoiro, pero non o conseguiu.

Aquel día --no que estivo apoiado por diversas persoas como o escritor galego Manuel Rivas-- explicou que a súa intención era que a dirixente xermana pedise "desculpas" polas accións cometidas durante o nazismo e polo apoio de Alemaña á ditadura en España.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS