Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

abrirá ao público catro días ao mes

A familia Franco comunica os horarios de visita do Pazo de Meirás

O itinerario da visita desenvolverase dende a porta principal ao terreo e percorrerá o xardín ata a antiga casa da escritora Emilia Pardo Bazán.

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 09.07.2013 
A- A+

A familia Franco, propietaria do Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña), comunicou á Xunta os horarios de apertura ao público do inmoble, que poderá ser visitado catro días ao mes, como fixa a lexislación vixente.

A Consellería de Cultura e Educación reivindicou este luns que as súas xestións en relación á apertura do pazo "van garantir que este Ben de Interese Cultural (BIC) poida ser visitado catro veces ao mes". Deste xeito, recalca, "queda demostrada a vontade decidida da Xunta de que se faga a apertura tal e como establece a lexislación".

Nun comunicado, o Goberno galego indicou que os propietarios comunicaron o itinerario da visita, que se desenvolverá dende a porta principal ao terreo e percorrerá o xardín ata a antiga casa da escritora Emilia Pardo Bazán.

Ademais, a visita deterase ante a escaleira, na que se fará unha explicación dos detalles da fachada para logo continuar cun paseo polo ámbito. Ao edificio accederase pola capela, que formará parte do percorrido xunto coa biblioteca e outras estanzas da zona dedicada a residencia.

Deste modo, en xullo as visitas poderán realizarse os días 19, 20, 26 e 27, entre as 11.00 e as 14.00 e as 15.00 e as 19.30 horas. En agosto, co mesmo horario, poderase acceder ao Pazo de Meirás os días 28, 29, 30 e 31. O resto do ano poderase visitar nas mesmas horas os primeiros catro venres do mes.

A Xunta de Galicia advertira en maio de que non tiña previsto asinar este ano un convenio coa familia Franco para sufragar gastos derivados da apertura do Pazo de Meirás e que estaba á espera de que os propietarios do inmoble remitisen a programación de visitas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS