Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Fantasmas familiares

JOAQUIM VENTURA  | 02.04.2017 
A- A+

Rara será a familia española que non teña algún antepasado afectado, nunha medida ou noutra, pola guerra civil: vítima ou verdugo (voluntario ou forzado), axente ou paciente do que agora chamamos danos colaterais, nun bando ou en outro. Pero todos, ou case todos, a partir de 1939 padeceron o silencio. O silencio do exilio ou o silencio interior do medo. Incluso os familiares dos mortos que non chegaron a ver a súa vitoria, foron silenciados cunha paga miserable por parte do novo Estado franquista.

A segunda xeración –a dos que eran nenos cando comezou a guerra- apenas tivo unha versión parcial e interesada dos feitos e foron eses rapaces e rapazas os que medraron co exercicio do silencio. Os seus fillos comezamos a dicir basta e a preguntarmos pola verdade do irmán do avó morto por milicianos anarquistas ou falanxistas –tanto lle ten quen mate, se mata gratuitamente- ou do curmán da nosa nai morto na División Azul.

E fronte a esa veladura dos recordos –o tempo é selectivo e a memoria, fráxil- non é doado tirar luz do pasado. Pero este é un exercicio que ven de practicar Javier Cercas na súa última novela, “El monarca de las sombras” (Random House). Un exercicio de reconstrución da figura dun tío segundo, Manuel Mena, mozo enrolado nas filas da Falanxe extremeña e incorporado como tenente nunha unidade de combate das tropas do bando “nacional”, que morreu na batalla do Ebro.

A prospección de Cercas –como calquera outra que un curioso exerza verbo de cadansúa familia- é atrevida e perigosa. Atrevida porque quen foi heroe para unha xeración, acabou sendo un esquecido cando a súa nai morreu, coa desaparición da súa vida tamén desapareceu a paga do Estado. E tamén atrevida porque supuña traer ao presente lembranzas que, con frecuencia, estaban no inconsciente daqueles que o sobreviviron.

E perigosa porque naqueles días de xullo e agosto de 1936, o destino podía facer de calquera unha vítima ou un cómplice –nin que fose moral- dos vitimarios. Sen apenas posibilidade de elección. Vítimas e vitimarios que por baixo das ideoloxías, nas vilas axustaban contas por aldraxes pasadas ou recentes, desde envexar unhas terras a vingarse polo roubo dunha moza. Unhas mortes inxustas -nada merece ser pagado coa vida- feitas pola cor dunha ou outra bandeira.

Profundar nestas pequenas historias –que sempre serán grandes na dimensión familiar- é facer un exercicio de valentía fronte ás pantasmas. Un exercicio que –á maneira de como as canas se volven lanzas- pode virar esas pantasmas en demos cando descubrimos que o recordo etéreo herdado polo relato familiar nas sobremesas de Nadal, pasa a ser realidade incómoda. Cercas xoga a asimilar a “bela morte” do seu tío avó –por unhas ideas que chocan coa máis elemental democracia- co papel do heroe mitolóxico, Aquiles. Un pouco á maneira daquela xustificación que Petrarca estableceu “un bel morir tutta una vita onora”.

Tantos anos despois –e sen esquecer nunca cal dos dous bandos era o equivocado, como Cercas non esquece- xa non cabe o revanchismo. Malia a afirmación de Marinetti que a guerra é a grande hixiene do mundo, a guerra é a peor manifestación da brutalidade humana. A guerra é sucia, miserable, vil aínda que se faga en nome dos máis altos ideais. Pero iso non nega recuperar a condición humana dos seus protagonistas. Nas trincheiras, non era menos valente un miliciano carlista que un estranxeiro das Brigadas Internacionais e cada un deles merece a súa pequena historia, incluso a máis terrible.

Ler a Cercas é tentar aceptar que ninguén ten un pasado familiar inmaculado. E que caso de telo, non supón nin pode supoñer ningún tipo de aval. Hai uns meses, o director dun xornal de comprobada fidelidade a Rajoy vindicábase como fillo de vencidos fronte a aqueles que foron e van de contestatarios –segundo el- pero que puideron estudar en condicións grazas á condición de vencedores dos seus pais. Non esquecer non ten porque supoñer ficar escravos do pasado porque, en definitiva, o que conta é o que cada quen fai.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS