Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Fantasmas de luz

RUTH FERNÁNDEZ  | 19.01.2012 
A- A+

Durante as vacacións de Nadal, recibín no meu fogar a última obra de Agustín Fernández Paz, un agasallo que sempre me produce unha enorme satisfacción cando chega ás miñas mans algunha novidade do seu creador, como ben sabe Agustín. Grazas, de novo.

 

Durante as 185 páxinas asinadas polo autor vilalbés, que contan con ilustracións de Miguelanxo Prado, coñecemos a historia de Damián, casado con Marga e pai de Ismael. Despois de 35 anos traballando en ‘Prudesa Filmes’, Carlos, o seu xefe, dille que a empresa ten os días contados. Asegura que as salas multicines dos centros comerciais se levan a palma, feito polo que van pechando os cines do pasado. Iso é o que acontece co ‘Cine Soñadores’ no libro e o que pasou en todas as cidades nos últimos anos. Así vai ocorrer coas cinco salas que xestiona a empresa na que traballa Damián.

 

En realidade, o único que pretende o egoísta de Carlos é vender o solo no que se ubican os establecementos herdados e obter así un grande beneficio, a costa do despido dos seus traballadores, que deron media vida pola empresa. Todo apunta a que no lugar se levantará unha torre, con trinta e seis vivendas e baixos comerciais. Como se di na obra titulada Fantasmas de luz, ‘Don Carlos axeonllárase ante o altar do Diñeiro, o novo deus omnipotente’ (p.43).

 

Damián pasa polo que tantos outros nestes tempos: perda do posto de traballo, engrosamento das listas do INEM, querendo obter outro emprego como operador de cabina de proxección, ao ser no Cine Soñadores o responsable de proxección das películas. Non hai nada que encaixe con ese perfil, como non podía ser doutro xeito… Cantos pasaron polo INEM buscando un traballo para o que non tiñan o perfil axeitado?

 

No libro de Fernández Paz o tema central é o da exclusión social, de plena actualidade, nestes tempos de crise e recesión económica. De aí que atopemos a alegoría dos personaxes convertidos en fantasmas, volvéndose invisibles para o resto da sociedade, agás para aqueles que viven unha situación semellante á súa, como a condición de prexubilada de Marga, que primeiro traballara en ‘Casa e Fogar’ e logo tivera unha florería, pechando o negocio ao non poder igualar nos prezos aos establecementos da competencia. Vólvense transparentes, imposibles de recoñecer nos eidos nos que antes se movían. Experimentan unha sensación de aillamento, de soidade, de invisibilidade, que o autor relaciona con documentos fílmicos coma O home sen sombra e O home invisible.

 

Nesta obra, como fixera o autor en O único que queda é o amor, vólvense trascendentais as citas, neste caso de filmes, e non tanto de libros. E de alí procede tamén a que di ‘todas as lembranzas son sucos de bágoas’ (2046, Wong Kar Wai), así como as palabras ‘O amor é unha cuestión de oportunidade. De nada serve encontrar a persoa idónea demasiado pronto ou demasiado tarde’. Hai algunhas sumamente interesantes, como a extraída da película Amélie: ‘É curiosa, a vida. Cando eres neno o tempo non acaba de pasar. E logo, sen te decatares, tes cincuenta anos e da infancia o único que che queda colle nunha caixa enferruxada’ (p.58).

 

Outra das citas que me fascinaron, que deberiamos escribir en mayúsculas é a tomada do filme O club dos poetas mortos: ‘NON ESQUEZAN QUE, A PESAR DE TODO O QUE LLES DIGAN, AS PALABRAS E AS IDEAS PODEN CAMBIAR O MUNDO’. Grazas por rescatar esa afirmación.

 

Despois do relato no que Damián é o protagonista, o autor de Corredores de sombra e Non hai noite tan longa, inclúe un apartado que chama ‘Tomas extra’ (A cabina dos soños de Damián, Fascinación por Julianne Moore, Un empresario exemplar, Unha foto para os días de tristeza, Fronte á porta de Brandeburgo Ismael contempla o ceo de Berlín e A florería de Marga). Trátase de secuencias vencelladas á trama principal, que se engaden ao final do filme de Damián, en definitiva unha serie de escenas eliminadas do centro da historia, pero moi útiles para comprender de xeito global a ficción.

 

E aquí non acaba a cousa. Fernández Paz engade un apartado moi notable: inclúe un listado de filmes cunha ficha artística e un resumo de cada un. Todos os títulos reflectados están vencellados á trama, empregando citas dos mesmos. Nesta sección do libro atopamos referencias a Eu son lenda, O exorcista, Cinema Paradiso, O sexto sentido, O padriño, Full Monty, Os luns ao sol, Morte dun viaxante, As uvas da ira, Os outros, Coa morte nos talóns, Big Fish, Morte en Venecia, As pontes de Madison, Thelma e Louise, O gatopardo, O doutor Frankestein, O nome da rosa, A noiva de Frankestein, Terminator, Psicose, etc.

 

A modo de epílogo, para finalizar Fantasmas de luz, Fernández Paz fala da súa paixón polo cine, citando o Cine Vilalbés da infancia, o da Universidade Laboral de Xixón, así coma os cines de Barcelona, Bilbao, A Coruña e Vigo. E tamén nos refire a súa experiencia formando parte dos Cineclubs da U. Laboral de Xixón, do montado en Guernika, do Cineclub Coruña... Afirma que ‘as persoas da miña xeración temos o corpo enchoupado de películas, non se nos pode entender sen o cine’ (p.185). Despois de abrir a novela coa cita ‘As películas acaban, pero o cine non remata nunca’ (Davide Ferrario) o amigo Agustín fai un chamamento citando a Luis Eduardo Aute e pide ‘Cine, cine, cine/ más cine por favor). Que así sexa.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS