Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 25.04.2019 Actualizado 20:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo asegura que Alcoa "terá futuro" e o Xacobeo 2021 será "o mellor da historia" se Casado é presidente

Destaca ao PP como partido "que non naceu nas grandes cidades" senón "onde a maioría de españois, nos pequenos pobos"

Feijóo con Pablo Casado, Ana Pastor, Agustín Hernández e Marta González - FOTO: EP
Feijóo con Pablo Casado, Ana Pastor, Agustín Hernández e Marta González - FOTO: EP

SANTIAGO. EP  | 15.04.2019 
A- A+

O presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que se o líder nacional do seu partido, Pablo Casado, goberna por mor das eleccións do próximo 28 de abril, Alcoa "terá futuro" e "as 200.000 familias galegas que venden madeira terán a quen vender madeira", en referencia a Ence e ao seu sector. Ademais, garantiu que con Casado en Moncloa o Xacobeo de 2021 "será o mellor Ano Santo da historia" de Galicia.

Así o proclamou o tamén titular da Xunta nun mitin-comida celebrado este Domingo de Ramos na parroquia de Nemenzo, en Santiago, xunto a unhas 1.000 persoas. O acto tamén contou coa presenza do propio Pablo Casado, así como da vicesecretaria de Comunicación do partido e cabeza de lista pola Coruña, Marta González; a número un por Pontevedra, Ana Pastor; e varios membros do Goberno galego e do partido.

Co son das gaitas que recibiu aos asistentes, Feijóo reivindicou ao PP como un partido que "non naceu nas grandes cidades e logo foise franquiciando", senón que naceu "onde naceron a maioría de cidadáns de España: nos pequenos pobos".

"Este partido que fundou un galego, Manuel Fraga, naceu coa forza coa que nacen os carballos, con raíces sólidas. (...) Os partidos novos naceron en Madrid ou Barcelona e logo foron pondo franquías no resto de pobos. Somos o partido que naceu coa Constitución, a liberdade e a democracia", afirmou.

Seguidamente, Feijóo mirou a Casado para dicirlle que é "moito máis que o candidato do primeiro partido de España", xa que "é o presidente dos que prefiren un Goberno distinto ao de Pedro Sánchez".

Ademais, apuntou que os galegos se afixeron "a que Pedro Sánchez non viñese nunca a Galicia" durante o seu mandato, pero "tamén se afixeron a ter a Casado aquí moitas veces".

"Os galegos poderiamos pensar que te presentas por algunha provincia que conforma Galicia", dixo, dirixíndose cara ao presidente do seu partido. "Tería bastante sentido, moito máis que o que fai Vox, que presenta como número uno de Ourense a unha tía do País Vasco do señor Abascal. Isto é o que lle importa Galicia a estas novas formacións", criticou.

ZAPATERO DEU "CERO EUROS" AO XACOBEO 2010
Así, tamén lembrou que no Xacobeo 2010, o Executivo de Zapatero achegou "cero euros" para a súa organización, mentres que Rajoy, durante a crise, deu á Xunta "unha axuda" para rehabilitar a Catedral de Santiago. Todo iso non sen antes insistir en que, con Casado no Goberno, poderase organizar "o mellor Ano Santo da historia".

"Interésanos Alcoa, interésanos Ence, interésanos gastar o diñeiro que é noso", engadiu en referencia aos 825 millóns de euros que leva tempo reivindicando a Xunta ao Executivo central.

"Casado, ti non só es o candidato do PP nestas eleccións, es tamén o candidato do PP de Galicia á Presidencia do Goberno de España, e por iso tes o noso apoio", recalcou.

"ALCOA TERÁ FUTURO"
Coa vista posta na xornada do 28 de abril, Feijóo asegurou que "só hai dous posibles presidentes", que son Casado ou Pedro Sánchez. "Sánchez é o candidato do partido de Sánchez, é o candidato de Pablo Iglesias e de Podemos. Se Pedro Sánchez é presidente, Pablo Iglesias será vicepresidente", aseverou.

En contraposición, o líder galego garantiu que se Casado é presidente, "Alcoa terá futuro" porque "é o presidente que lle importa a Galicia".

"Impórtalle (a Casado) España porque a leva no corazón, lévaa na súa pel", proseguiu, para despois insistir na idea de que os galegos son tamén "españois".

"Non necesitamos que nos dean o carné de galego ningún partido nacionalista nin que nos dean carnés de españois os señores de Vox e de Ciudadanos", sentenciou.

Feijóo tamén evidenciou que tanto o partido de Albert Rivera como o de Santiago Abascal "critican ao PP moito máis que o PSOE" e "soltan cada día un disparate tan grande para ocultar os disparates do Goberno" de Sánchez.

Así, insistiu na idea do voto útil alertando de que "os votos a Vox e Cidadáns" son "para que lle saian as contas a Pedro Sánchez". "Cantos máis votos a partidos que non sexan o PP, máis posibilidades terá Pedro Sánchez de gobernar", apostilou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS