Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 19.07.2019 Actualizado 12:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo tras chamarlle Pontón "xonqui do poder": "Que o BNG fale de terrorismo na Cámara é non ter memoria"

A nacionalista acusa ao líder do PPdeG de "difamar" con "acusacións moi graves" e recibe unha chamada á orde do presidente do Parlamento

SANTIAGO. EP  | 26.06.2019 
A- A+

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou "xonqui do poder" ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e afeoulle os pactos do seu partido con Vox, unha formación que "nega o terrorismo que máis mulleres matou", que é "o terrorismo machista".

Ante iso, o mandatario autonómico afeou á líder nacionalista a "prudencia" coa que se tomou a detención dos dous presuntos integrantes de Resistencia Galega e engadiu: "Que fale o BNG de terrorismo nesta Cámara é, simplemente, non ter memoria. E ao nacionalismo galego así lle vai".

Este cruzamento de acusacións na sesión de control do Executivo galego na Cámara prodúcese por mor da detención, o pasado sábado 15 de xuño, de Antón García Matos, alias 'Toninho', e Asunción Losada Camba, fuxidos da xustiza desde 2016 e presuntos dirixentes de Resistencia Galega. Dous días máis tarde, Ana Pontón pediu "cautela" e respecto á presunción de inocencia.

"En vez de aproveitar as detencións dos prófugos da xustiza e en vez de felicitar aos corpos e forzas de seguridade do Estado, pediu presunción de inocencia, o cal me parece ben, pero foi vostede moitísimo máis prudente cara a eses dous presuntos terroristas que cara a calquera rival político que estea imputado ou chamado a declarar a un xulgado", esgrimiu o tamén presidente do PP galego.

Non en balde, Feijóo aproveitou esta intervención para volver criticar a coalición dos nacionalistas galegos "co independentismo catalán e os herdeiros do terrorismo vasco" --EH Bildu-- nas pasadas eleccións europeas. "Leccións de terrorismo ao PP do BNG, ningunha", sentenciou o líder popular.

Tras esta última intervención, a portavoz nacional do Bloque pediu a palabra para subliñar as "acusacións moi graves" que, na súa opinión, deslizara o presidente da Xunta. "Non nos imos calar ante as difamacións. Este señor acúsanos de terroristas", gritou Ana Pontón desde o seu escano, co aplauso e apoio dos outros cinco deputados do BNG.

Con todo, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, reduciu as palabras de Feijóo a un "debate de ton absolutamente político" e lembrou reiteradamente á líder do Bloque que non tiña a palabra. Finalmente, terminou por porlle unha chamada á orde.

PONTÓN AFEA O USO DA XUNTA COMO "GABINETE ELECTORAL"
Este enfrontamento produciuse despois de que Ana Pontón lle reprochase ao titular da Xunta o "acto electoral" ou "mitin" que, ao seu modo de ver, foi a reunión de todos os altos cargos da Administración autonómica o pasado xoves, utilizada como "gabinete electoral".

"Acabo de ser censurado por reunirme co Goberno o pasado xoves, á hora do Consello, e convidar aos altos cargos da Xunta para que o Goberno explicase a todo o corpo directivo da Comunidade Autónoma cales son os proxectos transversais das propias consellerías", explicou, posteriormente, Feijóo, quen aproveitou para contraatacar co bipartito: "Cando vostedes gobernaban, non podían reunir ao Goberno porque os altos cargos do BNG non se falaban cos do PSOE e os do PSOE non se falaban cos do BNG".

Ademais, a portavoz nacional do Bloque tamén evidenciou que a palabra do presidente do PPdeG "non vale nada" despois do pacto con Democracia Ourensana (DO) para que o seu líder, Gonzalo Pérez Jácome, fose alcalde de Ourense a cambio dos seus votos para que o popular José Manuel Baltar continúe á fronte da Deputación.

Todo iso a pesar de que, tal e como lembrou a líder nacionalista, o propio Feijóo suxerise nunha entrevista antes das eleccións municipais que "sería letal" que Jácome fose rexedor.

"AFERRARSE Á POLTRONA"
Seguidamente, Feijóo viuse "sorprendido" por estas críticas, xa que, tal e como indicou, o PP goberna na cidade das Burgas "cos mesmos cos que querían gobernar o BNG e o Partido Socialista" e con Ciudadanos de "invitado".

Neste contexto, Ana Pontón afeoulle que culpe tanto a socialistas como nacionalistas do pacto PP-DO en Ourense e, tras reducir a "propaganda" as decisións adoptadas no Consello da Xunta, chamoulle "xonqui do poder" por "querer aferrarse á poltrona".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS