Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 21:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo "compasará" a remodelación do seu Goberno coa presentación "oficial" de candidatos ás locais

Esgrime que "non hai ningún conselleiro que fose nomeado oficialmente" candidato

SANTIAGO. EP  | 13.09.2018 
A- A+

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este xoves que "compasará" a remodelación do seu Goberno aos tempos nos que se acometa a presentación "oficial" dos candidatos populares das cidades para as eleccións municipais de 2019.

Ao termo da reunión semanal do seu Executivo, Feijóo reiterou que se atopa "moi a gusto" co desenvolvemento do traballo que fai cada conselleiro e insistiu en que, "se non houbese municipais, non habería remodelación" do seu gabinete.

E é que, aínda que o partido non fixo a designación oficial correspondente, dáse por feito que os actuais titulares de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e Política Social, José Manuel Rey Varela, sairán do Executivo para ser cabezas de cartel na Coruña e Ferrol, respectivamente.

Tanto é así que Rey Varela xa anunciou publicamente a súa intención de ser candidato.

"AÍNDA NON HAI NINGÚN CANDIDATO NOMEADO"
Con todo, Feijóo remarcou este xoves que "aínda non hai ningún candidato nomeado oficialmente que afecte o Goberno". "Hai algún conselleiro que manifestou o seu interese e ilusión, pero ningún conselleiro foi nomeado oficialmente candidato", esgrimiu.

En sentido estrito, o PPdeG prevé arrincar este venres a presentación oficial de candidatos ás cidades, aínda que a de Rey Varela terá que esperar, como mínimo, ao 22 de setembro, data na que se celebra o congreso local de Ferrol.

A presentación de Mato tampouco ten data aínda, aínda que fontes consultadas por Europa Press sitúana nun horizonte similar á de Rey Varela.

"Axustaremos a decisión do reaxuste do Goberno á decisión do PPdeG cando nomee os candidatos, eu vou ser respectuoso e ímolo a compasar; aínda que hai outros gobernos que xa teñen candidatos nomeados e non pasa nada", resolveu.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS