Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo exhibe a xestión do PPdeG "nunha nacionalidade histórica" que non busca "a confrontación nin a división"

"Somos un partido galeguista, orgulloso de ser galego", di o líder popular

José Manuel Rey, Andrea Levy, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda - FOTO: EP
José Manuel Rey, Andrea Levy, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda - FOTO: EP

SANTIAGO. EP  | 02.10.2015 
A- A+

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor este venres o seu modelo de xestión á fronte dunha "nacionalidade histórica", pois non persegue "a confrontación con outros pobos" de España nin "a división con outras linguas".

"Somos un partido galeguista, orgulloso de ser galego, e dicimos claramente ao resto dos españois que somos galegos e que a nosa forma de estar en España é ser galegos", recalcou o mandatario, e sostivo que ese sentimento non leva os populares a "entrar en discusións de psicanalista para preguntarnos o que somos no diván da política".

"Somos galegos porque nacemos aquí e queremos isto", incidiu, ao tempo que asegurou que a súa vontade non é "modificar os sentimentos maioritarios dos galegos" senón "representar mellor eses sentimentos maioritarios".

Así, tras rexeitar calquera eventual intento de "dividir a sociedade galega", Feijóo resaltou que "o orgullo" da súa "condición de galego" está en "mostrar ao resto que hai unha nacionalidade histórica que segue interpretando os valores fundamentais da Transición" e que os modelos de defensa da lingua propia do PPdeG "poderían exportarse ao resto das comunidades".

"O noso labor en momentos de dificultades do país é fundamental para mandar unha mensaxe ao conxunto dos españois, que ven con moito interese o que se está a facer nesta nacionalidade histórica chamado Galicia", concluíu Feijóo, non sen agradecer a vicesecretaria de Estudios e Programas do PP, Andrea Levy, presente no acto de presentación do relatorio político, a súa "valentía dende Cataluña".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS