Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.03.2019 Actualizado 12:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo, sobre a folga na PAC, defende estar "a falar con todo o mundo" para "mellorar a atención primaria"

Aposta por "mellorar a estabilidade dos médicos" e por "unha discriminación positiva" no investimento en determinados equipamentos

SANTIAGO. EP  | 08.01.2019 
A- A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defende estar "a falar con todo o mundo" co obxectivo de "mellorar a atención primaria" da sanidade pública galega.

Díxoo a preguntas dos xornalistas sobre a folga indefinida nos puntos de atención continuada (PAC). "Nós estamos a falar con todo o mundo e proba disto é que hoxe empezan as reunións, hai seis grupos de traballo con todos os profesionais que traballan na atención primaria", expuxo.

O titular do Goberno galego apuntou que "evidentemente os médicos son os profesionais máis importantes" pero engadiu que "está o persoal de enfermaría comunitaria e están todos os demais profesionais, farmacéuticos, fisoterapeutas, educadores, saúde pública..." "En definitiva, con todos estamos a falar", incidiu.

Neste sentido, constatou que "é evidente que en España neste momento hai tensións na atención primaria en todas as comunidades autónomas" e comentou que "noutras comunidades autónomas houbo conflitos moi importantes que duraron meses".

"Agora, pois loxicamente en Galicia tócanos ver como podemos mellorar a atención primaria", sinalou, antes de lembrar que el mesmo comparecerá no Parlamento para "falar de sanidade".

Así as cousas, reiterou que "desde hoxe están constituídos os grupos" e a Xunta está sentada "falando con todos os profesionais que queren falar". "Todos aqueles que queiran mellorar a atención primaria que saiban que van coincidir coa Xunta, que ten o obxectivo de mellorar a atención primaria", resolveu.

INVESTIMENTOS
Por outra banda, reivindicou, en materia de sanidade, que "nos últimos anos" a Xunta fixo "moitísimos investimentos en hospitais" e avisou de que estas "aínda" non acabaron. "Estamos a reconstruír o Servizo Galego de Saúde e imos entregar un Servizo Galego de Saúde novo no que a hospitais se refire", proclamou.

Respecto diso, agregou que o Goberno galego construíu ou ampliou 52 centros de saúde e, segundo os seus datos, que realizará "outros 20 máis". "En definitiva, imos seguir apostando pola atención primaria".

Por último, apostou por "mellorar a estabilidade dos médicos que acaban o seu MIR e que aínda non son médicos estatutarios fixos" e por "facer unha discriminación positiva desde o punto de vista de determinados aparatajes e equipamentos nos centros de saúde" nos que pensa que se debe "investir máis". "Nas próximas semanas ou meses iremos concretando con estes grupos cales son as prioridades", finalizou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS