Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 19.10.2017 Actualizado 18:44
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo pide aos funcionarios "non deixarse presionar" no seu ditame de Ferroatlántica, que será "vinculante"

Prevé reunirse este venres con alcaldes de Costa da Morte e recalca que o seu Goberno non dará "indicación" algunha á Asesoría Xurídica

SANTIAGO. EP  | 18.05.2017 
A- A+

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o seu Goberno estará "ao que digan" os empregados públicos que tramitan o expediente de Ferroatlántica na Xunta, tras a solicitude formal de segregación que permitiría á empresa a venda das centrais do Xallas, e pediulles que "non se deixen presionar" nin polos partidos, nin polos sindicatos, nin polos "intereses empresariais".

Tras a reunión semanal do seu Executivo, Feijóo defendeu que os informes dos funcionarios serán "vinculantes" á hora de tomar unha decisión sobre Ferroatlántica e sinalou que a Xunta non se apartará "nadiña de nada" do que trasladou aos galegos en sede parlamentaria. Ao tempo, reiterou que, ata hai pouco, non había ningunha solicitude presentada por parte da empresa.

"Acreditamos que diciamos a verdade e que, por tanto, estaba a intoxicarse cando se dicía que autorizabamos a venda das centrais", sinalou Feijóo, quen ratificou que "acaban de chegar os papeis" e que estes "están a ser estudados polos centros directivos e os empregados públicos competentes".

"E a Asesoría Xurídica non vai traballar baixo presión, vai traballar de acordo co seu recto proceder e de acordo co que estea conforme a dereito. A Xunta non vai traballar baixo presión de ninguén e os empregados públicos da comunidade teñen a independencia para ditaminar se a solicitude desta ou calquera outra empresa axústase ou non ao título concesional e á lexislación", advertiu.

A continuación, apuntou que, en consecuencia, "nas próximas semanas", o seu Goberno terá sobre a mesa "os informes adecuados" en base aos que tomará unha decisión. "Informes que serán vinculantes", apostilou, antes de reiterar que o seu Executivo "sempre" contará "a verdade" aos galegos e, "moi especialmente" aos traballadores e aos alcaldes da zona.

Respecto diso, lembrou que o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, xa recibiu ao comité de empresa, e avanzou a súa intención de reunirse cos alcaldes da Costa da Morte cuxos concellos están afectados pola decisión para "falar de como ven a situación e informar o plan industrial que presenta a compañía no caso de que se lle deixe segregar".

"Con luz e taquígrafos. Creo que nos xogamos moito en Cee, en Dumbría e en Sabón", sentenciou Feijóo, quen reiterou que a decisión se debe tomar "conforme á lei" e tentar que "preserve os postos de traballo". Admitiu que o Goberno tamén desexaría que houbese "un maior investimento na comunidade.

"NON LLE DAREMOS NINGUNHA INDICACIÓN"

"Con ese tres formulacións estaremos ao que nos diga a Asesoría Xurídica e o departamento de Augas, e tomaremos a decisión para salvagardar o cumprimento da lei e os intereses dos traballadores", sentenciou o presidente, quen recalcou que o Goberno non dará "ningunha indicación" á Asesoría Xurídica.

De feito, pediu aos empregados públicos que se ocupan deste expediente que actúen "sen deixarse presionar por ninguén". "Nin polos partidos políticos, nin polas organizacións sindicais, nin polos intereses empresariais", apostilou.

"Que actúen conforme á lei porque representamos a un Estado de Dereito e , en Galicia, o Goberno é o primeiro sometido a el", sentenciou.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS