Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 11.12.2017
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo pide "competencia leal" e "cooperación honesta" para intensificar a relación transfronteiriza con Portugal

O presidente recibe da man do alcalde de Porto a Medalla de Honra da cidade

O alcalde de Oporto, Rui Moreira (c), entrégalle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a medalla de Honor da cidade portuguesa en recoñecemento á súa contribución ás relacións entre Galicia e o norte de Portugal, nunha cerimonia celebrada este martes no Concello - FOTO:  EFE/ESTELA SILVA
O alcalde de Oporto, Rui Moreira (c), entrégalle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a medalla de Honor da cidade portuguesa en recoñecemento á súa contribución ás relacións entre Galicia e o norte de Portugal, nunha cerimonia celebrada este martes no Concello - FOTO: EFE/ESTELA SILVA

SANTIAGO. EP  | 18.04.2017 
A- A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu este martes, durante unha reunión co alcalde de Porto, Rui Moreira, "competencia leal" e "cooperación honesta" para intensificar a relación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal.

Feijóo lanzou esta mensaxe durante unha visita a Porto, onde recibiu, de mans do seu alcalde, a Medalla de Honra da cidade lusa, e nun escenario no que varias voces do ámbito empresarial alertaron da fuga de empresas e da dura competencia que supón o país veciño na captación de capital.

Na súa reunión, Feijóo e Rui Moreira apostaron por "renovar e actualizar permanentemente" os lazos entre os territorios para, "xuntos, facer máis Europa", así como "profundar e ampliar" a todos os niveis posibles a cooperación transfronteiriza e reforzar conxuntamente a cooperación con Latinoamérica.

Segundo informou a Xunta nun comunicado, tamén coincidiron en que Galicia e Porto "comparten horizontes e obxectivos" nun momento "decisivo" para España e Portugal, que "están a avanzar cara adiante tras anos difíciles", e decisivo tamén para o conxunto de Europa co escenario que se abre tras o 'Brexit'.

Sobre esta liña, Feijóo e Rui Moreira incidiron no compromiso de profundar na colaboración "porque esa é a forma de facer máis Europa". Así, o mandatario galego destacou que a cooperación "fixo posible que os dous territorios conten cun micromercado común de máis de seis millóns de persoas" e co apoio das institucións europeas para o desenvolvemento de proxectos en distintas materias como a innovación, a investigación e a tecnoloxía.

COOPERACIÓN

A modo de exemplo, Feijóo destacou que a Agrupación Europea de Cooperación Territorial está a reforzar este ano a colaboración en áreas como a educación, a través do programa de cooperación universitaria Iacobus.

Tamén aludiu á cultura, co desenvolvemento do memorando asinado na Coruña en 2015, que permite ampliar os fondos bibliográficos da lingua galega e portuguesa nas bibliotecas dos dous territorios; na economía, buscando dinamizar os mercados; e no ámbito institucional, "profundando no traballo das eurociudades".

Así mesmo, lembrou, ademais, que a Estratexia de innovación e desenvolvemento transfronteiriza (RIS3T) aspira a mobilizar 360 millóns de euros en proxectos de innovación ata 2020.

O responsable do Executivo autonómico anunciou que a primeira convocatoria do Programa Interreg (Poctep) recibirá 90 millóns dos 243 millóns asignados para toda a fronteira hispano lusa.

MERCADO DE LATINOAMÉRICA

No encontro, os dous mandatarios mostraron, ademais, a vontade de traballar xuntos para reforzar o papel de ambos os territorios no mercado de Latinoamérica e especialmente en Brasil.

"Estamos a falar de intercambio de información e de misións conxuntas como camiños que debemos explorar con máis intensidade", recoñeceu Feijóo.

Ao longo da reunión, agradeceu ao alcalde de Porto a súa invitación para visitar a cidade e a entrega da Medalla de Honra, "un incentivo para seguir profundando nas relacións que galegos e portugueses mantemos desde hai tempo".

Despois da reunión, o titular da Xunta visitou o Parque de Ciencia e Tecnoloxía e o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde, I3S, da Universidade de Porto, onde coñeceu as liñas de colaboración que en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación, están a desenvolver as dúas rexións.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS