Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 22.07.2017 Actualizado 12:42
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo pide que a maternidade subrogada se debata na UE

"Onde non hai fronteiras, nin pasaportes, senón liberdade de circulación plena de persoas"

SANTIAGO. EP  | 13.07.2017 
A- A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que a maternidade subrogada é un tema "de suficiente complexidade ética e moral" que "merece ser debatido" e pediu que se faga no ámbito europeo, "onde non hai fronteiras, nin pasaportes, senón liberdade de circulación plena de persoas".

Preguntado tras o Consello da Xunta pola postura do PPdeG no pleno da Cámara, onde se opuxo a que o Parlamento galego rexeitase a regulación dos ventres de aluguer, explicou que os populares galegos opuxéronse "a que non se poida debater".

"A aposta de BNG, PSdeG e En Marea é que se prohiba o debate, sen ver que está a ocorrer e obviando que hai xente que ten fillos así, e logo tráeos a Galicia e a España, e recoñéceos con nomes e apelidos", lamentou, antes de incidir na necesidade de abordar "unha cuestión tan importante".

"Sen que isto signifique estar a favor ou en contra, é necesario un debate sosegado e moi serio", esgrimiu, antes de defender que o debate se dea no ámbito europeo, xa que non se trata dunha cuestión que afecte só a Galicia ou a España.

De feito, reflexionou que, se xa sería "malo" que cada país teña unha regulación distinta, que o fixese cada comunidade dentro de España sería "sorprendente". "Nós pedimos unha regulación para toda a Unión Europea (UE) e hai países europeos que aceptan a maternidade subrogada", sentenciou.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS