Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 19.01.2018 Actualizado 20:38
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo recoñece que hai que "mellorar" en urxencias

Apela tamén a un uso adecuado dos servizos // Concede que habería que avaliar a posibilidade de dar camas en planta aínda que "o confort non sexa óptimo" como o das habitacións

SANTIAGO. EP  | 11.01.2018 
A- A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu que existen "poucas dúbidas" de que hai que "mellorar" na atención dos servizos de urxencias hospitalarias e que hai pacientes que poden ter que soportar "incomodidades", pero apelou tamén á necesidade de facer un uso adecuado dos servizos sanitarios.

Como argumento, tras reivindicar que nos últimos días, ante a maior afluencia nos hospitais por mor da gripe, activáronse os plans de continxencia, os cadros estiveron "ao cento por cento" e houbo "reforzos", esgrimiu que das persoas atendidas en urxencias só o 18 por cento foron ingresadas, o que indica que "probablemente" quedaron vías previas sen usar "convenientemente".

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, ante as peticións formuladas esta semana polos xefes de servizo de urxencias, o presidente subliñou que sería "preocupante" que eles, do mesmo xeito que xerentes e a Consellería de Sanidade "pensasen que non hai nada que mellorar".

"Por suposto que hai cousas que mellorar", esgrimiu, antes de incidir en que o que toca, cando hai "unha avalancha" destas características, é "organizar da mellor forma posible" unha situación que pode conducir á "saturación" dun servizo.

Ademáis, expuxo que se debería avaliar a posibilidade de "dar camas en planta" aínda que "o confort non sexa óptimo" como nas habitacións. Pero considera que, se é superior ao de acumular pacientes en urxencias, debe contemplarse e supón unha petición "razoable".

"VÍAS" PREVIAS A URXENCIAS E VACINACIÓN
En todo caso, o presidente galego defendeu o traballo feito e, aínda que recoñeceu que se pode "mellorar" e as "incomodidades" que puideron sufrir os pacientes, instou a "botar unha ollada á prensa" para constatar o que sucede noutras comunidades.

Así as cousas, incidiu na importancia de vacinarse e lamentou que, aínda que a campaña deste ano fose "mellor" que a doutros previos, non se conseguiu "o obxectivo ao cento por cento".

Tamén insistiu na importancia dun uso adecuado dos servizos e, despois de subliñar que só 18 de cada 100 persoas atendidas en urxencias foron ingresadas, subliñou que hai "vías asistenciais previas" que "probablemente quedaron sen usar convenientemente".

En concreto, lembrou que, calquera persona con síntomas gripais pode chamar por télefono para falar cun médico de cabeceira, acudir ao centro de saúde, chamar ao 061 e ir ao momento de atención continuada (PAC).

"Hai catro recursos que se poden usar antes de chegar ao hospital", remarcou o presidente galego, quen agradeceu o labor e "determinación" dos profesionais sanitarios. "Traballaron máis que ninguén", resolveu.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS