Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

xacobeo

Feijóo reivindica o “galaico-madrileño”

O presidente desfaise en loubanzas cara á capital española, na visita de Esperanza Aguirre á comunidade con motivo do Ano Santo

E.P. . SANTIAGO  | 15.07.2010 
A- A+

RAMÓN ESCUREDO
Fejóo e Samuel Juárez, acariñando a águia que sostén Esperanza Aguirre, con García-Borregón, detrás, onte
FOTO: RAMÓN ESCUREDO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou onte a "especie híbrida do galaico-madrileño" ante a súa homóloga da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, quen, tras a "experiencia incrible" de percorrer un tramo de cinco quilómetros do Camiño Francés invitou os seus paisanos a seguir os seus pasos.

Feijóo realizou estas declaracións no Pazo de Raxoi, onde compareceu con Aguirre, que se desprazou á comunidade galega xunto varios membros do seu Executivo para celebrar o Día de Madrid no Xacobeo e que doou unha aguia real –bautizada, precisamente, co nome de ‘Xacobeo– para o Parque Natural Baixa Limia-Serra de Xurés, en Ourense.

Neste escenario, o presidente subliñou que "non é casual" que moitos galegos se sintan en Madrid "como na casa" e que non vexan a "galeguidade" minguada pola súa vivencia na capital española. Como exemplo de "especie híbrida do galaico-madrileño" puxo a personalidades do mundo das letras como Ramón María del Valle Inclán, Julio Camba, Wenceslao Fernández Flórez ou Camilo José Cela.

 

O lugar de orixe do maior número de peregrinos

"¿Son galegos ou madrileños?", preguntouse o xefe do Executivo, antes de recalcar que con eles non vale utilizar "a conxunción disxuntiva" senón a "copulativa" porque son "unha cousa e a outra". "Tanto Madrid como Galicia foron xestando un tipo de identidade poliédrica que lles permite ser o destino favorito de modernos e antigos peregrinos", salientou.

Tamén aproveitou para pedir á súa homóloga madrileña que leve á capital de España a mensaxe de que Galicia tamén é algo seu e que "espera" os madrileños para "compartir unha celebración de todos", en referencia ó Ano Santo. Antes de acudir á Misa do Peregrino, na Catedral, destacou que "o maior número de turistas e peregrinos" que fan o Camiño de Santiago son da Comunidade de Madrid.

Por iso, Núñez Feijóo agradeceu ós madrileños que sempre teñan a capital galega "como unha das súas metas" cando se celebra un Ano Santo e manifestou o seu desexo de que agora o fagan "cada vez que empece un novo ano" ata 2021, data na que terá lugar o próximo Xacobeo.

Aguirre tomoulle a palabra e en nome dos madrileños reivindicou, como posteriormente repetiría na ofrenda e na comparecencia de Raxoi, o papel do Camiño de Santiago como transmisor de valores europeos "como a liberdade, a igualdade e a dignidade humana".

 

Pediulle ó Apóstolo ata por Rodríguez Zapatero

Antes de asinar no Libro de Honra do Paxo de Raxoi e comparecer ante os medios, Esperanza Aguirre realizou na Misa do Peregrino a ofrenda ó Apóstolo, dirixíndose "ó patrón de España" para pedirlle "axuda e protección para os que máis o necesitan: enfermos, desempregados ou mulleres que sofren agresións machistas". A mesma "axuda" que solicitou para "todos os que ocupan postos de responsabilidade nun momento de dificultades económicas" –grupo no que se incluíu–. "Pedín por todos os gobernantes", ratificou posteriormente, tras ser preguntada acerca de se pedira polo presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero.

O DATO

Camiño entre Arzúa e O Pino
Antes da Misa do Peregrino, a presidenta da Comunidade de Madrid realizou un tramo do Camiño entre Pregontoño (Arzúa) e Lengüelle (O Pino), acompañada de Feijóo e do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, así como de membros do seu Executivo como o vicepresidente, Ignacio González; o conselleiro de Presidencia, Francisco Granados; e a titular de Medio Ambiente, Ana Isabel Marino. A xornada estivo marcada polos atrasos, o que non lle impediu á comitiva pararse a falar cos veciños e peregrinos, así como coa águia, nin que Aguirre se cambiara de vestimenta tras acabar o camiño para ir ó Obradoiro.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS