Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 12:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo renova o seu compromiso cun rural "innovador" que aposte polo recambio xeracional

Reivindica, na entrega dos 'Premios Agader', a evolución cara á "cooperación" dun rural "minifundista" e até "machista" anos atrás

Feijóo e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, cos premiados de Agader - FOTO: Xunta
Feijóo e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, cos premiados de Agader - FOTO: Xunta

SANTIAGO. EP  | 14.09.2018 
A- A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, renovou este venres o seu compromiso cun rural galego "innovador" que aposte pola diversificación da actividade económica e polo recambio xeracional.

Na entrega dos 'Premios Agader', na que se encargou de inaugurar o acto a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, Feijóo reivindicou a innovación como "condición indispensable" para o avance no rural.

Tamén aproveitou para ofrecer a axuda da Xunta a aqueles que consideren que teñen ideas emprendedoras que merece a pena levar adiante e destacou a evolución dun rural que anos atrás era "minifundista" e até "machista" polo camiño da "cooperación" e de dar á muller "o papel que merece".

Na súa intervención, o presidente galego incidiu en que o Plan de Desenvolvemento Rural evidencia que "cada vez máis novas teñen interese por incorporarse ao medio rural", xa que máis de 1.100 deron este paso durante os anos 2016 e 2017.

Igualmente, tras apelar a "unha dobre implicación" para "seguir modernizando o rural" con cambio de mentalidade social e compromiso dos poderes públicos, o presidente galego remarcou o compromiso do seu Executivo con proxectos como o plan específico para fixar poboación no agro, dotado con 230 millóns de euros.

Tamén aludiu á iniciativa de 'impostos cero' no rural, e ao apoio a novas actividades non agrarias ou a proxectos de transformación industrial, un camiño polo que garantiu que se continuará.

COSMÉTICA, MÚSICA, ALZHEIMER E RIBEIRA SACRA
Polo que respecta aos proxectos premiados, na categoría de mozos, destinada a persoas de menos de 40 anos, o gañador foi a cooperativa Levinred --marca de cosmética natural cuxo elemento principal é o viño tinto artesán--, con sede no Concello de Leiro(Ourense).

Na parte cultural e de recuperación patrimonial do medio rural, o premiado foi o 'Festival da Luz', que se celebra no municipio de Boimorto (A Coruña) e que mestura música con concursos e iniciativas que fomentan e incentivan o tecido cultural galego. Todo iso, con "vocación solidaria".

Así mesmo, no apartado de interese social, destinado a aqueles proxectos orientados á integración dos colectivos desfavorecidos ou de coidado de maiores, recibe o premio a Asociación de familiares de enfermos de alzheimer en Ourense, pola súa contribución a este colectivo, con talleres de estimulación terapéutica e apoio psicolóxico para os coidadores.

Na sección de turismo, álzase co galardón Turisa Galicia, con sede en Silleda (Pontevedra), que ofrece servizos ao mercado comerciante polo miúdo na Ribeira Sacra, impulsando así o desenvolvemento local desta zona, mediante rutas dunha xornada que se poden personalizar.

SABUGUEIRO, LIDERADO FEMININO, ECOLOXÍA E ABANDONO DE TERRAS
Pola súa banda, o sector agrogandeiro outorga o premio a Veigas de Sabugueiro, empresa situada no Concello de Vilar de Santos (Ourense) que puxo en valor un recurso natural abundante en Galicia para facer produtos como licores, marmeladas e mesmo cervexa.

Sobre as iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres, o premio vai para o proxecto 'Mulleres de seu', encabezado polas Cooperativas Lácteas Unidas-Clun, e que consiste nunha serie de accións formativas, encontros e xornadas de traballo dirixidas a favorecer a integración de mulleres na cooperativa, así como a súa participación nos órganos de goberno.

No ámbito da innovación tecnolóxica a vitoria foi para Trasdeza Natur, de Silleda (Pontevedra), que pon en valor a produción da horta ecolóxica mediante a transformación dos produtos con técnicas de deshidratado natural e co emprego de tecnoloxía solar de nova creación.

Finalmente, na categoría de loita contra o abandono do territorio, o gañador do premio é unha iniciativa de posta en valor da terra, consistente na recuperación de terreos abandonados para o cultivo de tubérculos de horta --como patacas e cebolas, entre outros--, no Concello de Miño (A Coruña).

AGRADECEMENTO DOS PREMIADOS
O oito seleccionados reciben un premio de 10.000 euros cada un, para que reinvistan esa cantidade na iniciativa gañadora, coa "finalidade de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias".

Ao recoller o premio este venres, todos eles foron dando as grazas, ademais de reivindicar o emprendimiento e a aposta por proxectos que dinamicen o rural. A cantante Luz Casal, polo 'Festival da Luz' fíxoo a distancia a través dun vídeo, no que tamén destacou "o talento" de todos os que fan posible este festival.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS