Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Nos despachos de San Caetano é un secreto a voces que a lexislatura está rematada. Feijóo segue a botar contas, máis agora que as enquisas que teñen el e os pesos pesados con despacho na madrileña rúa Génova alertan da posible perda de dous escanos, un na Coruña e outro en Pontevedra. A dirección do PP está convencida de que o inquilino de Monte Pío vai ter que adiantar a cita coas urnas para evitar o perigoso desgastamento polas novas tesoiradas. Pedro Puy pon cara de póker, pero a intensa actividade parlamentaria prevista para este mes de xullo, inédita no noso país, dispara a rumoroloxía. O ex ministro José Blanco intenta chegar a tempo para competir con pachi Vázquez nas primarias do PSdeG. O Novo Proxecto Común avanza a marchas forzadas para articular unha oferta nacionalista atractiva e con posibilidades de conseguir escanos. Estes son os trazos grosos do retrato da Galicia política, pendente da fumata branca para o adianto dos comicios ao outono.
O presidente da Xunta é consciente de que a maioría absoluta se xogará por un puñado de votos e de que os problemas na Coruña e en Pontevedra, sobre todo, complícanlle un éxito que hai uns meses a súa garda pretoriana daba por seguro. Feijóo fai cálculos, porque sabe que eses dous escanos non están perdidos -as enquisas reflicten unha altísima porcentaxe de indecisos- e que a baixada do PPdeG non a rentabiliza automaticamente a oposición. Ademais, é moi posible que no próximo Parlamento galego se senten até seis forzas, o doble das que o monopolizan dende a era Fraga. A nova xira do presidente por América en xullo ten moito que ver, segundo os analistas, coa busca de apoios económicos e coa fidelización do voto emigrante -só en Arxentina viven 140.000 galegos con dereito a decidir-.
Se don Alberto non resiste até marzo, as posibilidades de José Blanco redúcense moito, porque Pachi Vázquez se vería liberado da súa promesa de convocar primarias para elixir o candidato do PSdeG a presidir a Xunta. Os 'montepiólogos' aseguran que Feijóo prefire ter enfronte a Vázquez, un argumento máis para o adianto. Con todo, o inmediato futuro político do ex ministro de Fomento depende do que decida o Tribunal Supremo sobre o caso Campión. Na contorna de Blanco admiten que el debece por dar a batalla da Xunta, sabedor de que a maioría absoluta dos populares está máis no aire que nunca. As súas posibilidades pasan porque o instructor do caso, que collerá vacacións a metade de xullo, decida nos próximos días sobre a imputación de don José. En calquera caso, o adianto deixaría en precario a maquinaria do socialismo galego.
Para o nacionalismo, o reto é saír con vida da máis forte escisión da súa historia. No BNG confían na fidelidade dos seus votantes e na eficacia do aparato da UPG, malia que os máis realistas dan por descontado que Beiras e o seu proxecto restaranlles un mínimo de dous escanos. As posibilidades de Esquerda Unida e da UPyD de Rosa Díez son un pequeno misterio.
