Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.10.2017 Actualizado 13:07
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Fenómeno "Patria"

JOAQUIM VENTURA  | 18.07.2017 
A- A+

Hai libros que son éxitos de venta e axudan ao autor ou autora correspondente a levar unha vida máis cómoda ou, polo menos, non tan apurada. Éxitos que se miden en termos económicos estritamente e que poucas veces teñen un impacto dabondo como para alterar as opinións colectivas. Hai outros, sen embargo, que sen deixar de supoñer unha axuda ao seu autor, poden medir o seu beneficio en termos sociais pola infuencia causada. Un destes sería, sen dúbida,”Patria”, de Fernando Aramburu (Tusquets).

Xa non é que leve moitas semanas encabezando as listas dos máis vendidos no conxunto de España. É que, no último día de Sant Jordi, foi a obra en castelán que máis compradores tivo. É dicir, que obtivo a preferencia dos cataláns que optaron por mercar (ou seren regalados) cunha obra en castelán. Seguindo e estela –cómpre non esquecelo- de ser tamén o libro máis vendido en Euskadi desde hai meses.

Escritor de oficio contrastado, Fernando Aramburu foi capaz de encarar esta análise do conflito vasco (aceptemos polo de agora este eufemismo) grazas tal vez ao distanciamento que lle dá residir en Alemaña. Un distanciamento necesario para alguén nacido en San Sebastián, a cidade vasca –de entre as importantes- que máis presión interna tivo por parte do brazo político da banda ETA. Un distanciamento que lle permitiu establecer unha equidistancia relativa, necesaria para evitar calquera tentación maniquea, por leve que fose.

Digo equidistancia relativa na medida en que Aramburu sabe perfectamente de que lado están a liberdade e a verdade democrática. Pero iso non é -non pode ser- atranco para que así como expón (esa é a denuncia) a brutalidade absurda da violencia terrorista, non agoche a outra violencia, a contraria, a que exercían algúns servidores do Estado, xa fosen gardas civís ou funcionarios penitenciarios.

A esa situación cómpre engadir a propia complexidade do conflito vasco (sigamos co eufemismo). Porque había unha gran diferenza verbo doutros terrorismos pasados ou presentes, desde os grupos palestinos ou os europeos –como a Rote Fraktion Arme ou as Brigate Rosse- ata os actuais Al Qaida ou ISIS: non tiñan unha contorna social que lles dese apoio. Nin tampouco verbo do caso do terrorismo norirlandés: no Ulster había dous bandos, católicos e protestantes, con cadanseus grupos (IRA e INLA os primeiros; UVF e UDA/UFF, principalmente, entre os segundos).

O caso vasco-navarro, en troques, estaba fortemente imbricado na trama social, sen un dominio territorial “liberado” por parte dos violentos. E é esa situación entretecida –de familias, veciños, compañeiros de traballo ou de estudos- a que Fernando Aramburu disecciona con calma e precisión cirúrxica. Tal meticulosidade, malia estar nun texto de ficción, permite ao lector –o lector de “Patria” é perspicaz- descubrir que algún dos supostos perpiaños da identidade nos que se xustificaría ETA, a lingua por exemplo, pode ser exercido de maneira libre e con habelencia e asemade estaren contra a violencia. Ou que pode darse unha mostra de clasismo, camuflada como defensa da identidade colectiva propia e, por lóxica exclusión, unha aparente xenofobia.

Tal análise precisaba da desaparición da violencia para poder encarar eses dous mundos: o da verdade democrática (vasquista ou non) e o do fanatismo. Aramburu encáraos sen agochar a crueza con que esa confrontación aparecía nas vilas, onde certos bares eran terreo privativo dos defensores da violencia. Unha novela construída como se tratase de un puzzle, no cal cada peza amosa contradicións entre as súas caras, con semellanzas coas veciñas dun lado e doutro pero diferentes entre elas.

O impacto social desta novela recunca –salvando as lóxicas distancias- no que hai uns anos causou a película “La pelota vasca, la piel contra la piedra”, de Julio Medem. Ninguén ten a verdade absoluta pero para achegarse a algo que se lle asemelle, cómpre incorporar as diversas pequenas verdades, ou polo menos escoitalas. E na mesma liña e como aconsellaban e practicaban os antigos médicos de familia, o primeiro paso para sandar dunha patoloxía é explicala. E so falando dos diversos elementos que conformaron aqueles anos de chumbo, seremos capaces de facer unha dixestión aceptable.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS