Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 23.10.2014  | Actualizado 09.50

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

celebrarase o 2 de xuño

Fernández Moreda non se presentará á reelección no congreso provincial socialista

Anima os seus sucesores a integrar as diferenzas e traballar para ser alternativa a un PP que "quitou a careta"

Salvador Fernández MoredaFOTO:
Salvador Fernández MoredaFOTO:

SANTIAGO. EP  | 15.04.2012 
A- A+

O PSOE de A Coruña celebrará o próximo 2 de xuño o seu congreso provincial ordinario para elixir un novo secretario xeral e renovar a Executiva. Ao proceso non se presentará o actual responsable provincial, Salvador Fernández Moreda, que anunciou este sábado que non será candidato á reelección, en cumprimento do compromiso de permanecer só un mandato no cargo.

Durante a celebración do comité provincial, Moreda explicou que, no momento de asumir o seu posto, dixo que estaría un só mandato neste. "Dei un paso á fronte para poñer en marcha esta nova estrutura e agora é tempo de dar un paso a un lado para que outros collan a testemuña e dean un novo impulso ao partido", indicou.

Aos que lle sucedan lles pediu que traballen "nunha postura construtiva" que integre as diferenzas e sexa respectuosa cos puntos de vista distintos, para que estea "unida no obxectivo final: recuperar a senda do desenvolvemento, da igualdade e a solidariedade que caracteriza o Partido Socialista".

No congreso un total de 183 delegados, que serán designados entre o 11 e o 20 de maio polas asembleas locais de todas as agrupacións da provincia, elixirán o secretario xeral e á Executiva provincial. Cada agrupación constituída terá un delegado para o congreso, ao que se sumará outro delegado por cada 35 militantes, fronte aos 45 necesarios no anterior proceso. Sumarase outro representante se o último resto está integrado por 20 militantes ou máis.

Fernández Moreda insistiu en que esta etapa de "renovación das estruturas do partido", que comezou cos congresos federal e galego, debe servir para "recuperar a ilusión dos militantes e dos votantes socialistas".

Así, chamou a construír unha alternativa sólida fronte a unha dereita que "xa quitou a careta" e "rematou cos discursos edulcorados, as declaracións conciliadoras e as promesas de felicidade". "Vai desvelando aquel programa oculto do que tanto falabamos na campaña electoral", destacou e criticou os "ataques do PP ao corazón do Estado do Benestar".

O secretario xeral dos socialistas coruñeses citou a reforma laboral, que "mina os dereitos dos traballadores", e os "recortes salvaxes" en sanidade e educación, así como a suba de impostos e a "amnistía fiscal a prezo de saldo para os defraudadores".

Lamentou o rexeitamento do PP á "posibilidade de alcanzar un pacto de estado político, social e institucional ante a crise económica" e advertiu aos populares de que a maioría absoluta "non garante o acerto no diagnóstico, nin nas propostas, nin a unidade de acción interna e externa necesaria para afrontar a actual situación con garantías de éxito".

A XUNTA, "ESGOTADA"

O socialista considerou que as mobilizacións contra a reforma laboral e os resultados das eleccións andaluzas e asturianas "demostran que o PP chegou ao seu teito electoral" e afirmou que os comicios galegos se producirán cun "Goberno da Xunta esgotado, que dende hai meses non toma decisións".

Así mesmo, resaltou que o incremento do paro "non pode a ocultado con propaganda e ocorrencias" como as fusións de municipios. Fernández Moreda referiuse tamén ao incendio das Fragas do Eume para criticar que "por sorprendente que pareza, non estaba previsto ningún operativo especial e a descoordinación foi evidente".

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS