Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Ferraz: temos máis dun problema

JOAQUIM VENTURA  | 20.10.2016 
A- A+

En vixilias da reunión do Comité Federal do PSOE que ten que decidir se os deputados por este partido se absteñen no terceiro intento de investidura de Mariano Rajoy, mala peza teñen no tear de Ferraz. Decidan o que decidan, e fagan o que fagan, non teñen máis alternativa que o mal malo ou o mal peor. Porque se o asunto, aparentemente, é solucionar o atranco na gobernabilidade de España, o que está en loita é manter ou non unhas determinadas particularidades autonómicas.

O grupo non orgánico que lidera Susana Díaz moveu os fíos nas primarias de 2014 para favorecer o triunfo de Pedro Sánchez fronte a Eduardo Madina, proclive a una solución definitiva del terrorismo negociando con ETA se fose preciso. Pedro Sánchez gañou a secretaria xeral e ir de primeiro por Madrid nas xerais de decembro de 2015. Daquela, nunca os socialistas tiveran un resultado tan baixo pero non se rendeu. Tivo marxe para intentar a investidura unha vez Rajoy declinou a invitación do rei a comezos de 2016.

Pero eran unhas marxes moi estreitas xa que o Comité Federal lle puxera límites: non negociar con Podemos nin cos independentistas cataláns. Con vimbios tan cativos, pouco queipo podía facer, e menos se o primeiro socio era Ciudadanos. A mensaxe do núcleo socialista dirixente era claro: ningún acordo con quen pretenda modificar o status quo territorial. Daquela eu xa escribín neste recuncho que Podemos tiña que permitir a gobernación do PSOE para evitar males maiores.

Chegaron as segundas eleccións e o PSOE aínda obtivo peores resultados. A ética política aconsellaría que, visto o visto, Pedro Sánchez tivese presentado a dimisión, como fixeran os seus antecesores Almunia e Pérez Rubalcaba. Unha dimisión que o liberaba de calquera compromiso e que traspasaba á dirección socialista a responsabilidade de absterse ou non.

Pero non. Creuse que era secretario xeral por méritos propios e que podía seguir cara a ningures. O segundo erro de Sánchez foi, unha vez que Rajoy fracasou na súa investidura, non presentar ao Comité Federal que respectara o acordo de non facelo presidente, e pedir aos seus compañeiros que camiño tiñan que seguir. Porque Sánchez tan prisioneiro era de manter ese “non” como de non negociar ningunha alternativa de goberno a Rajoy.

Pero todas estas manobras (non sei se orquestrais pero si na escuridade) non tiñan máis obxectivo que impedir calquera reforma que modificase a situación de privilexio que teñen os socialistas en Andalucía e, en menos medida, en Estremadura e Castela-A Mancha. Unha situación de rexións subsidiadas e prácticas clientelares.

A puntilla foron os pésimos resultados en Galiza e no País Vasco: o PSOE era castigado por unhas políticas xeradas a centos de quilómetros. A escusa para tirar do medio a un secretario xeral que tal como foi promovido dous anos antes, agora –xa amortizado- era retirado por simple ostracismo: a dimisión da metade da executiva. O resto xa é coñecido.

Pero nada de iso foi espontáneo. A finais de setembro, Susana Díaz viaxou ata Benavente e nesta localidade zamorana mantivo unha reunión con dirixentes territoriais do chamado “sector crítico” (en realidade, oficialista camuflado) para preparar a ofensiva contra Sánchez. Coa coartada de evitar unhas terceiras eleccións (e obter uns resultados aínda peores) e sen que Rajoy movese nin un dedo da súa posición (de formigón), púñase en risco a integridade e mais o futuro do PSOE. O obxectivo era conxurar calquera risco de reforma que puxese en cuestión a dependencia fiscal da España do sur. E unha alternativa a Rajoy precisaba o concurso de Podemos e mais dos independentistas cataláns,.cunhas consecuencias inadmisibles para o goberno de Sevilla.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS