Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 19.02.2020 Actualizado 18:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Ferrín sobre Paz Andrade: "Alí onde se busque Galicia no século XX, alí aparece, tarde ou cedo"

O presidente da Real Academia Galega considera que o empresariado galego "nunca lle fixo caso" no seu ideario galleguista, e destaca o seu impulso ao Estatuto do 36

Pola esquerda,  Xosé Luis Axeitos , Alfonso Paz Andrade (entre ambos a foto de Valentín Paz Andrade) Pilar Romero , José María Arias e Méndez Ferrin nunha mostra homenaxe ao xornal 'Galicia' na Coruña
Pola esquerda, Xosé Luis Axeitos , Alfonso Paz Andrade (entre ambos a foto de Valentín Paz Andrade) Pilar Romero , José María Arias e Méndez Ferrin nunha mostra homenaxe ao xornal 'Galicia' na Coruña

SANTIAGO. EP  | 06.05.2012 
A- A+

"Alí onde se busque Galicia no século XX, alí aparece, tarde ou cedo". Para o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, Valentín Paz Andrade, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, foi un home "moi intelixente, un gran patriota dotado dunha forza de vontade moi poderosa" e "unha das grandes figuras políticas" da historia da Comunidade Autónoma.

O plenario da RAG, reunido o sábado 4 de xuño de 2011, escolleu por maioría dedicar as Letras deste ano para recordar a figura deste polifacético autor e pensador, unha decisión que, segundo destacou o seu presidente nunha entrevista a Europa Press, sobraban os motivos.

"Unha das grandes figuras políticas, do pensamento económico, ensaísta e como poeta é unha figura central que atravesa o século XX gloriosamente. Alí onde se busque Galicia no século XX alí aparece, tarde ou cedo", incidiu.

Por iso, e aínda que algúns autores recoñecen que se trata dunha persoa que non goza da mesma difusión que outros autores e homenaxeados anteriores, Ferrín argumentou que Andrade destaca con "carácteres propios" e é "incomparable con Rosalía de Castro ou Lois Pereiro".

"É absolutamente ineludible, non ten nada que ver. Cando se pensa en como foi a evolución de Galicia no século XX, resultou fundamental. Para a renovación das pesqueiras, ideou a flota de conxeladores de Galicia coa cal se revolucionou a sociedade galega enteira", sinala Ferrín.

Entre outras facetas, Ferrín incidiu na súa traxectoria política, destacado o seu papel na fundación do Partido Galeguista, formando parte da súa dirección, e con quen concorreu ás eleccións ás Cortes Constituíntes de 1931, en terceira posición por Pontevedra, ademais do seu impulso ao Estatuto de 1936 e a súa defensa da autonomía galega.

O EMPRESARIADO "NUNCA LLE FIXO CASO"

Outra das ocupacións de Paz Andrade foi a súa visión dun tecido económico galego e crear unha idea viable de proxecto de país para Galicia. En 1960, participou na fundación da empresa Pescanova, da que foi designado vicepresidente.

A pesar diso, Ferrín defíneo como "un ideólogo, non un empresario", que considera "un mito" existente sobre a súa figura. Así, o destacou como "pensador económico" e avogado de exercicio, xa que "algunhas das súas ideas seguen funcionando" na actualidade.

"Dixo que había que pescar nos mares austrais, no hemisferio sur, e Galicia é unha potencia nese mundo. Ideaba cousas concretas e prácticas", recordou.

En contraposición, e preguntado por se o empresariado galego seguiu o seu exemplo, Ferrín reprochou este "nunca tivo un compromiso máis que consigo mesmo". "Non hai un empresario galego nacionalista. Nese sentido nunca lle fixeron caso, nin creo que llo fagan nunca. É unha clase social que en Galicia ata agora nunca serviu globalmente ao país", sinalou.

POETA "DUNHA FORZA NERUDIANA"

Ademais da súa vertente máis social, Méndez Ferrín considera o homenaxeado como "un poeta importantísimo, comprometido, político,", e "dunha forza nerudiana". "O que pasa é que non todo o mundo está atento a todo. Hai persoas que valoran máis a Andrade como ideólogo económico. Non se equivocan, é un grande ideólogo".

A pesar diso, avoga por aproveitar o Día das Letras Galegas para facer promoción da súa faceta como "poeta extraordinario", xa que "como pensador está suficientemente recoñecido".

En palabras do presidente da RAG, a obra poética de Paz Andrade está marcada por "un estilo forte, compromiso político nacionalista e social. Comprometido coa muller traballadora e concretamente co mundo mariñeiro. É soberbio nese campo".

Deste modo, Ferrín queda co seu libro de poemas 'Pranto Matricial', creado en memoria de Castelao, o que o propio autor consideraba "o seu líder".

Finalmente, preguntado sobre que pensaría da situación de Galicia actualmente, Méndez Ferrín recorda que "cando xa era un home maior", dixo que "esta autonomía era insuficiente" e habería que chegar a cotas de maior autogoberno".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS