Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Festa Corsaria en Marín

RUTH FERNÁNDEZ  | 21.09.2012 
A- A+

Nestes días cheos de estrés, ao comezo dun curso académico do máis revolto nos centros de ensino, nestes días nos que os centros de Secundaria obrigan os profesores a que bailemos como monicreques arredor de horarios que mudan tan axiña como cambiamos de roupa interior, boto de menos os días de verán, sen máis preocupación que desfrutar do lecer. Faltan docentes, que non se incorporan os seus traballos solicitando permutas ás veces concedidas e ás veces denegadas, facendo que o resto do profesorado sufra as consecuencias deses desaxustes (máis gardas, cambios nuns horarios que a estas alturas xa tiñan que estar definidos…) Son nestas horas de estrés ‘inxustificado’ (xa que a educación debía ser outra cousa…, sen tanto recorte e maniobras estrañas) cando máis boto de menos as horas de praia, o sol agarimando a miña pel nas praias das Rías Baixas, ese marco incomparable para gozar do albariño, do marisco e da compaña da xente máis querida. É agora cando tamén boto de menos os días pasados en Marín, participando na I Festa Corsaria.

Ataviada como unha verdadeira pirata, mergulleime nunha festa que, sendo a primeira no lugar, non contou coa xente do lugar tan involucrada como eu agardaba. Eramos os de fóra, se cabe, os que máis nos volcamos coa festa. Pero de seguro que o vindeiro ano a xente oriúnda de Marín xa o toma máis en serio. Dende o Concello mesmo se amosou a intención de recrear espectáculos no mar, posto que se trata dunha festa de piratas.

Todo estaba engalanado ao estilo dos corsarios no mercado que funcionou os días 10, 11 e 12 de agosto na Alameda, onde tamén se situaron distintos artesáns que traballaban a pedra e o vidro. Houbo actuacións na rúa para revivir un momento histórico que nos trasladaba aos séculos XVII-XVIII, época na que, segundo se di, viviron os famosos corsarios do Morrazo, Juan Antonio Gago de Mendoza e Benito Soto Aboal. Corría o ron na festa corsaria, un brinde de verán tamén baixo forma de mojito e caipirinha. E quen máis axudaba a ambientar o lugar era a panadería- pastelería Acuña, que coa decoración do local aberto en Marín tres anos atrás, deixou atónitos a todos os visitantes. Ademais, non escatimou en gastos á hora de proporcionar os seus clientes co instrumental básico de pirata: pano para a cabeza, parche para o ollo e pendente de aro para as orellas. Todo un detalle da empresa.

Si houbo algún local máis que decorou o seu interior, sendo moi escaso o número de negocios rexentados por piratas. Case ninguén optou por poñer o disfraz requerido. Todo será acostumarse. Eu, afeita ao Arde Lucus, son das que me mergullo con naturalidade nas festas históricas. Que conten comigo! E que medre o xerme pirata en Marín.

Dende aquí, e á volta das vacacións, desfrutando de Galicia e Portugal, pido desculpas os meus lectores por ter desaparecido destas páxinas pouco despois da noite de San Xoán. Volve o outono. Volven as clases. O traballo. Xa estou un chisco máis preto de todos vós. Unha aperta e xa sabedes: se queredes desfrutar dunha festa marabillosa, antes de que cheguen de novo o Arde Lucus e a seguinte Festa Corsaria, vide ao San Froilán! Do 4 ao 12 de outubro Lugo é un sitio obrigado para os amantes da gastronomía e da mellor festa. Esperámosvos!

Ruth Fernández

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS