Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 23.04.2018 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O fiscal García Ortiz cre que a Xunta fai "guerra de desgaste" para "deslexitimar" aos funcionarios de xustiza

A presidenta do Consello de Relacións Laborais considera que xa non serviría mediar e critica que as partes "esquecesen" ás veces a importancia da mesa negociadora

SANTIAGO. EP  | 12.04.2018 
A- A+

O fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, considera que a folga indefinida emprendida polos funcionarios do sector xudicial, que xa supera os dous meses, logrou "paralizar por completo" á administración de xustiza na comunidade e lamenta que a Xunta recorra "á arma do desgaste" para tentar "deslexitimar" as reivindicacións dos funcionarios.

"Desde o punto de vista dos folguistas, a folga até agora foi un éxito, a administración da xustiza está completamente paralizada, polo menos na contorna que eu coñezo", manifestou García Ortiz, en declaracións aos medios, antes de participar nunha mesa redonda sobre a administración de xustiza en Galicia e o conflito laboral que vive o sector.

Neste encontro, que tivo lugar na Facultade de Ciencias Políticas e que foi moderado polo decano, Ramón Bouzas, participaron tamén a coordinadora da sección territorial de Galicia da Asociación Xuíces e Xuízas pola Democracia, Sandra Piñeiro; así como a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez; e Manuel Díaz (de UXT).

Antes do encontro, preguntado acerca de se cre que o conflito do sector xudicial na comunidade foi ben xestionado, García Ortiz replicou, aínda que sen mencionar de forma expresa ao Executivo autonómico, que "habería que preguntar" a quen "puxo os servizos mínimos e ten capacidade de negociar".

"Eu non vexo a ninguén sentado na mesa de negociación", lamentou, antes de incidir en que a actual situación --segundo os sindicatos, os xuízos suspendidos rondan os 20.000, aos que habería que sumar milleiros de trámites e declaracións-- "prexudica a moita xente". Engadiu que, polo que el sabe, os representantes dos traballadores "si que queren negociar".

"GUERRA DE DESGASTE"
Así, advertiu que é necesario "sentar a falar". "Hai que sentar a falar, negociar e non cansarse de negociar. Eu non sei se se está facendo por detrás, pero non se visualiza", esgrimiu. Ao tempo, preguntado expresamente acerca de se falta vontade de negociación por parte da Xunta, foi contundente: "Dá a sensación de que isto é unha guerra de desgaste".

A continuación, criticou que, fronte aos traballadores, que se someten a "unha folga moi dura e difícil" para lograr máis recursos e melloras laborais, "se use a arma do desgaste" co fin de "deslegitimar" unhas reivindicacións que, ao seu modo de ver, son xustas.

"FOLGA HISTÓRICA"
Unha visión similar, xa durante o coloquio, proporcionouna a xuíza Sandra Piñeiro, quen reivindicou o papel dos funcionarios de xustiza, claves para que "funcione" a administración, e apoiou as súas reivindicacións ao entender que buscan un trato "igualitario" co resto de traballadores, e non só no ámbito salarial senón noutras cuestións como as baixas por incapacidade temporal.

Piñeiro felicitou aos traballadores do sector --varios estaban presentes no acto, do mesmo xeito que o portavoz de En Marea, Luís Villares, e a portavoz da área xudicial no PSdeG, Patricia Vilán, no Parlamento-- e proclamou que a folga é "histórica" a pesar de detectar, na mesma liña que García Ortiz, unha estratexia para tentar "desgastar" ao colectivo tamén á vista da opinión pública.

CRÍTICAS DO CONSELLO DE RELACIÓNS LABORAIS
Pola súa banda, a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez, quen nalgúns encontros iniciais exerceu de mediadora no conflito laboral da xustiza en Galicia, defendeu que "neste punto non hai mediación que sexa necesaria e que o seu momento pasou". "Polo menos para o conflito en xeral, non se se para o posicionamento dalgunhas partes en particular", dixo.

"Respectuosa coa autonomía das partes" e, aínda que ela, afirmou, "sempre" se presta a axudar nun conflito, reafirmouse, en declaracións aos medios, en que "a mediación non é unha solución nin é necesaria" dado que as posturas son "claras", están "enrocadas" e as partes --Xunta e sindicatos-- víronse xa "a cara tantas veces".

Ao seu modo de ver, o conflito dilatouse "moito" no tempo e agora está "todo moi bronco". "Non é momento de mediación, senón de que as partes asuman a súa responsabilidade e déanlle a importancia adecuada á mesa negociadora", instou.

De feito, como crítica á xestión do conflito, puxo o foco en que, ao seu xuízo, "nalgún momento algunha das partes e en diversos momentos as dúas" esqueceron "a importancia da mesa negociadora", centrándose noutras perspectivas como "a opinión pública".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS