Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.10.2018 Actualizado 18:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Folga xeral, razóns e obxectivos

MANUEL MERA  | 11.05.2018 
A- A+

Resulta evidente a necesidade de dar un salto cualitativo nas mobilizacións, xa que a práctica indica que é o único camiño para reverter o retroceso nas condicións laborais, nos salarios, pensións outras prestacións sociais. Tamén para rematar coas restricións en dereitos básicos, como o de negociación colectiva, manifestación e opinión. Un recuar cuxas consecuencias son na Galiza, un aumento constante da desigualdade e a precariedade, da emigración da mocidade, da baixa natalidade, e polo tanto dun recuar demográfico dramático. Todo estes son efectos contrastábeis a simple vista. Unha situación que ten como a outra cara da moeda: o medre do PIB e das exportacións e do investimento exterior, do lucro empresarial, e do aumento de bens e servizos de luxo.

Polo tanto hai razóns para a protesta e a mobilización continúa e coa maior intensidade posíbel. E especialmente para a convocatoria dunha folga xeral, xa que este é un paso básico neste intre para axuntar a todos os conflitos e accións reivindicativas, hoxe illadas unhas doutras. Cómpre reunilas nunha única loita, sen perder as súas especificidades, para nesta andaina multiplicar forzas para frear retrocesos, gañar dereitos, e rematar con este sistema inxusto. Daquela que a folga deba abranguer toda a problemática laboral, social, democrática e nacional. Aínda que para a divulgación se teña en consideración a relevancia e urxencia que lles outorgan as clases populares.

Outra cuestión central é que, a menos que sexa unha folga xeral revolucionaria, que non é o caso nesta etapa histórica, os paros deben formar parte dunha campaña que se estenda antes e despois da folga con outras iniciativas. Ou sexa, que non se albisque polo pobo como unha acción táctica ou un “farol”, senón como unha medida que forma parte dun plan estratéxico, que procura realmente cambiar a correlación de forzas e conseguir avanzar na loita contra a explotación e a opresión. Só así se conseguirá unha gran complicidade, e que participe masivamente e gañe en protagonismo a clase traballadora. E sobre todo xerar expectativas e ilusión, antes, durante e despois da folga xeral.

O anterior é un aspecto central, nunha conxuntura na que existe unha enorme desconfianza cara os sindicatos e partidos políticos. Non é algo casual. É así, porque se fixo un gran esforzo por parte dos medios ligados ao poder para metelos a todos no mesmo bote, para construír no imaxinario colectivo a idea de que carecen de firmeza nas súas conviccións e propostas, e que non existe alternativa a este modelo económico e social. Tamén axudou a crear esta percepción simplista, como negalo, a falta de coherencia e o derrotismo da socialdemocracia e doutras alternativas de esquerda. Sen dúbida foi unha táctica intelixente e cínica por parte das forzas do sistema, xa que sendo evidente que a práctica amosa que os avances sempre foron da man das loitas populares, se non existe suxeito político-social que lidere o cambio estes non son realizábeis. Daquela o esforzo tan grande que poñen as clases dominantes en golpear e silenciar, ou en corromper ideoloxicamente, ás forzas antisistemicas coherentes e combativas.

A folga xeral galega do 19 de xuño é un salto adiante para a clase traballadora galega polo mesmo feito de que fose convocada, xa que rexeita a pasividade e o derrotismo. Esta iniciativa debese á CIG, a central sindical con maior número de afiliados/as e capacidade mobilizadora na Galiza. Agora ben, para que sexa un éxito debe conseguir que o paro teña incidencia en empresas e sectores de referencia, sendo conscientes que a alianza de sindicatos, patronal e partidos que non cuestionan o capital, farán o imposíbel para que a folga sexa mínima. O, segundo aspecto importante, é comprometer ao máximo de sindicatos, forzas sociais, culturais e políticas, na convocatoria do paro e cunha participación activa. O terceiro aspecto, é reforzar as expectativas no día despois da folga xeral; ou sexa: fixar con claridade os obxectivos a medio e longo prazo, e unha folla de ruta para conseguilos. Todas estas son cuestións esenciais, porque inciden na formación da conciencia, da organización, da participación, do estado de animo, e do cambio da correlación de forzas. E estes son obxectivos fundamentais cando se trata de conquistar cambios sistémicos, estratéxicos.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS