Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.04.2019 Actualizado 20:25
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Fomento porá en servizo o venres a nova ligazón da AP-9 coa Cidade da Cultura

SANTIAGO. EP  | 13.02.2019 
A- A+

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, avanzou que o Ministerio de Fomento porá en servizo o venres a ligazón da autoestrada AP-9 con Santiago Centro e a Cidade da Cultura.

Así, quedarán abertos o catro ramais, un de entrada e un de saída en cada sentido, que darán acceso a Santiago de Compostela desde o quilómetro 70 da AP-9.

Losada detallou que a nova ligazón "aliviará a conxestión" do nó de Santiago Norte, no quilómetro 67, cunha alternativa que, á súa vez, "mellorará a accesibilidade cara aos barrios do centro da capital galega", especialmente de Fontiñas e Sar.

As obras foron executadas polo Ministerio de Fomento, cun orzamento total de 3,36 millóns de euros. As actuacións realizáronse no marco dun convenio coa Fundación Cidade da Cultura, a Xunta e Audasa.

Do orzamento, 2,83 millóns corresponden a obras, 0,31 millóns a expropiacións e 0,22 a asistencias técnicas de redacción de proxecto e de control e vixilancia. O convenio establece que Audasa encargarase da conservación e explotación da ligazón, a Fundación Cidade da Cultura achegou os terreos e a Xunta ocupouse das expropiacións e a redacción do proxecto.

Javier Losada puxo en valor a importancia da cooperación institucional para levar a cabo esta actuación e resaltou a súa importancia de cara ao próximo Xacobeo 21.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS