Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 13:50
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Os forenses afirman que O Chicle matou a Diana coa brida

O tipo fracturas indican que se empregou este material, mentres que para romper o pescozo cren que faría falta "20 veces a forza dun home"

SANTIAGO. EP  | 21.11.2019 
A- A+

Os forenses que examinaron o corpo de Diana Quer afirman que as lesións que se acharon nos ósos do seu pescozo indican que foi estrangulada usando unha brida, e non coas mans, á vez que apuntaron que na corredera desta ferramenta "quedaron atrapados pelos" da vítima.

Na oitava sesión do xuízo polo crime de Diana Quer, os forenses que examinaron o cadáver admitiron que, en mediciña, "nada é ao 100 por cen", pero reafirmáronse en varias ocasións en que estas lesións son "máis compatibles co uso da brida".

En particular, os forenses indicaron que Diana Quer tiña roto o óso hioides do pescozo, o que indica unha forte presión "de adiante cara atrás", e non do modo en que o acusado dixo que agarrou "accidentalmente" o pescozo.

A maiores, o experto Fernando Serrulla indicou que tamén estaban rotas as "apófises espiñentas" dalgunhas vértebras, o que é "máis compatible" cunha brida que, ao introducirse na canle entre unha vértebra e outra pola parte posterior do pescozo, aumentase moito "a presión dos músculos, favorecendo que rompan estas hipófises espiñentas á vez que o hioides". "Cremos que a brida ten un papel moi importante nesta lesión", ratificou.

Sobre a posibilidade de que esa compresión se fixese coa man, apuntou que non pode descartarse, pero sinalou a dificultade de explicar as lesións. "Se fixese unha forza moi moi grande, podería ser, pero é menos probable que que fose coa brida", dixo.

A maiores, o equipo que revisou o informe da autopsia engadiu que a forza deberiá ter sido maior no caso de Diana, dado que as "mulleres en idades novas teñen un hioides máis flexible". "Requírese máis forza en mulleres novas e altas para fracturalo", engadiron.

Do mesmo xeito, o equipo que fixo a autopsia precisou que a fractura do óso hioides non é condición para a morte, se non que o que se require é unha presión "continuada", de, polo menos, cinco minutos, o que tamén desmontaría que fose accidental. "Se mantén a presión durante o tempo suficiente, a persona morre, ben porque se impida a respiración, ben porque se impide que chegue a circulación", engadiu, e non pola fractura en si.

Tamén o equipo que realizou a revisión dixo que a presión necesaria para matar a alguén é superior a algo "accidental" e debe ser aplicada "selectivamente" para producir a morte, durante varios minutos.

En canto á posibilidade de que O Chicle chegase a romper o pescozo á moza durante o ataque, co cal a morte sería inmediata, todos os forenses descartaron por completo. "Romper o aparello ligamentoso dunha persona viva, máis nova, de forma manual, é moi difícil", dixo Fernando Serrulla, "necesítanse 20 veces a forza dunha persona normal". Do mesmo xeito, ratificou a forza que ten esta ferramenta: "Cunha brida pódese matar a unha vaca".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS