Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 21.20
Ten mérito que o alcalde de Monforte pedira perdón aos veciños por non se opor á proposta do PP de que unha rúa da capital do Val de Lemos, no seu día importante centro obreiro dos carrís de ferro, leve o nome de Manuel Fraga, durante 15 anos presidente de Galiza. Non teño relación con Severino Rodríguez, falei con el en poucas oportunidades. A primeira coido que foi no Primeiro Foro Social Mundial de Porto Alegre, no estado brasileiro de Rio Grande do Sul, no ano 2001. Daquela aproximeime a falar con varias persoas que levaban unha bandeira da Patria Galega (ou sexa: coa estrela vermella de cinco puntas no centro). Dixéronme que eran de Monforte, que militaban no BNG, e tiñan relación cunha organización de solidariedade con Cuba. Sen dúbida é unha persoa cualificada, e que o BNG fora quen de conseguir gobernar este concello tan importante merece o meu respecto e coido que o de todos os nacionalistas.
Chama a atención que máis unha vez a figura de Manuel Fraga volve a lear a imaxe pública da organización nacionalista, mais neste caso a nivel local. Lembremos aquel sorpresivo (para a militancia nacionalista e a poboación) xantar con Beiras en xaneiro de 2002, no que o portavoz do BNG decidiu “normalizar as relacións co PP”. Por certo, sen que este encontro tivera despois na práctica ningunha consecuencia importante para alén do feito declarativo e en cuestións parlamentares menores. Resultou máis incomprensíbel aquela aproximación tendo en consideración que o portavoz do BNG fixera até ese día todo tipo de descualificacións (non sempre atinadas, por persoais) encol do líder da dereita, e asemade o debate entre ambas forzas políticas queimaba.
Coido que aínda sendo positiva a rectificación pública do alcalde de Monforte non é completa, xa que debe unha desculpa semellante aos militantes do BNG, e moi especialmente aos catro concelleiros que votaron contra a proposta, amosando a súa coherencia. A súa actitude e a doutras dúas concelleiras contradí a liña da organización e lesiona a imaxe pública da mesma. Tampouco se entende moi ben que pida perdón e despois diga que esta decisión non ten remedio, cando por lóxica coa autocrítica, debería revisala nun próximo pleno. Tal como queda, o tema dá a impresión que a súa desculpa non ten en consideración a liña do BNG e obedece sobre todo á indignación e desilusión de moitos veciños (como el mesmo di na súa carta) e á posíbel perda de votos no futuro.
En todo caso este xeito de axer non está á marxe do pasado debate da Asemblea Nacional do BNG, e moi especialmente no relativo á manipulación do tópico de “abrirse á sociedade”, sen concretar despois métodos e medidas concretas que rectifiquen as que están en vigor. Todo apunta a que o que se pretende con esta proposta, sempre necesaria, porén difusa na súa concreción, por parte de sectores críticos, é mudar a liña política para se aproximar a aquelas forzas representativas do sistema hexemónico con máis peso electoral. Dá folgos a esta idea cando se suma a este tópico unha caracterización da sociedade que resta relevancia ás clases sociais e reivindica representar ao 99% da poboación (só se exclúen as altas finanzas). O acontecido en Monforte parécese moito a unha aplicación mecánica desta postura, xa que resulta difícil entender que fora unha arroutada ou unha decisión apresurada.
Lembremos que o alcalde de Monforte foi un dos que manifestou en rolda de prensa, con outros rexedores municipais nacionalistas, en dúas oportunidades, o seu rexeitamento á liña política aprobada na Asemblea Nacional do BNG de 2009, acusando ao portavoz Guillerme Vázquez de resistencialismo e afastamento da realidade social. Actuaron como un lobby, nunha clara intención de condicionar os resultados da última asemblea da fronte realizada hai algúns días. Esixiron un papel sobranceiro na organización en virtude do seu cargo institucional, colocándose por riba dos demais militantes, mesmo daqueles con papeis relevantes noutros eidos do traballo político, como o sindical, cultural, barrial, estudantil, etc. e no propio campo institucional (deputados, portavoces nos concellos). Semella que prevalecía na súa concepción político-organizativa a idea dunha coordinadora de localidades por riba dun proxecto nacional.
Do acontecido en Monforte pódense tirar conclusións prácticas, especialmente por parte daqueles que propoñen un BNG máis morno na confrontación coas clases dominantes. Neste caso a procura do difuso centro político (onde valoran que está a maioría social nesta etapa, desprezando que ficamos nunha conxuntura con varias saídas posíbeis) semella que levou a estes militantes nacionalistas a aceptar unha proposta da dereita cun gran simbolismo. A inmensa carga ideolóxica do feito alentou na conciencia colectiva de moitos galegos e galegas a sensación de orfandade dunha esquerda nacional coherente. A rectificación posterior é positiva, porén parcial e foxe da análise política do feito. Claro que, se o que hai no fondo desta actitude é unha postura ideolóxica (espero que non) resultan comprensíbeis estas eivas, e non será totalmente efectivo o rexeitamento social dos sectores que apoian ao BNG na localidade. Daquela a carta pedindo perdón aos veciños só pretendería canear o momento máis que rectificar. O tempo clarificará este aspecto. En principio debemos partir do carácter reflexivo e sincero da autocrítica, e polo tanto do valor intrínseco da carta pedindo perdón aos veciños, e do mérito persoal e para o BNG da mesma.
A praxe, ou sexa a unidade da teoría coa súa posta en práctica, permite sempre comprobar o correcto dunha estratexia e da caracterización da sociedade á que se corresponde. No feito que analizo a resposta social foi contundente, clarificadora, como o mesmo alcalde recoñece. Non sempre é así, e as consecuencias negativas e positivas tardan máis tempo en se comprobar, ao ter os feitos un carácter menos simbólico ou cando se trata dunha agresión non ser as veces tan evidente no inmediato, ben porque se adía no tempo ou porque ademais se fracciona para evitar unha resposta masiva. Por iso a importancia da resposta organizada, da comunicación e a formación, é dicir, da loita das ideas na construción da conciencia, na acumulación e cambio na correlación de forzas.
Neste intre que algunhas das forzas que están integradas no BNG debaten se van permanecer nel ou non, despois de non ver referendadas as súas propostas na Asemblea Nacional, o caso de Monforte debéralles servir de reflexión porque amosa “cal é o estado de ánimo das masas” e que esperan os simpatizantes da fronte nacionalista. Lembremos ademais que 2/3 da militancia aprobou nunha asemblea masiva tanto o informe da Executiva sobre o traballo realizado desde o ano 2009, como o relatorio base que afonda na viraxe dada á esquerda. Non é positivo para o futuro do país a perda de cadros e militantes na maior organización nacionalista, porén tampouco serve para avanzar manter a fronte nun constante debate público distorsionando o traballo político cotiá, por máis lexitimas que sexan as diferenzas.
Manuel Mera
