Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 13.02.2020 Actualizado 10:19
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Francisco Campos, premio Diego Bernal 2020, expón o "reforzo da confianza social" como "vitamina" do xornalismo

O seu amigo, veciño e compañeiro de profesión Xosé López dedicoulle unhas palabras e Feijóo definiuno como "bo xornalista" e "bo galego"

Núñez Feijóo entrégalle o premio a Francisco Campos - FOTO: XUNTA
Núñez Feijóo entrégalle o premio a Francisco Campos - FOTO: XUNTA

SANTIAGO. EP  | 24.01.2020 
A- A+

O xornalista lugués e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Francisco Campos recibiu este xoves o Premio Diego Bernal 2020, un galardón que recolleu nun acto no que reivindicou a necesidade de reforzar "a confianza social" como unha "vitamina" para o xornalismo actual.

Rodeado por centos de compañeiros de profesión, amigos e políticos como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Paco Campos non puido esconder a "sorpresa" que supuxo este premio que cada ano recoñece o labor e a traxectoria de profesionais da información como el.

No seu discurso fixo un repaso pola transición que se deu do século XX ao XXI no mundo do xornalismo e reflexionou sobre a necesidade que presenta a profesión de reforzar "a confianza social", unha "vitamina" precisa para "conformar unha esfera pública plural e diversa".

Ao seu xuízo, calquera outro escenario deixa unha sociedade "orfa" fronte á "contaminación das 'fakenews' e as tentacións populistas". Con todo, para poder recuperar este papel do xornalismo no espectro democrático, é preciso "o apoio das institucións", que "doten de recursos" aos profesionais.

Na mesma liña, quixo resaltar a situación dos medios públicos, que "sofren as consecuencias da crise de gobernanza", e de Galicia, que é "referente" no sector audiovisual xunto co País Vasco, despois de Madrid e Cataluña, aínda que non esquece que "existen problemas" relacionados coa sustentabilidade dos medios, a precariedade ou a transición ao multimedia.

Ao seu xuízo, Galicia "precisa de medios propios e estables" para facer fronte ao proceso de transición tecnolóxica, así como o xornalismo segue sendo "necesario para garantir a calidade democrática e a cohesión da cultura e a lingua", unha profesión "que volvería escoller de novo", concluíu.

"OS DE ANDRÉS SON BOA XENTE"
Para presentar ao premiado, o tamén profesor da USC na Facultade de Ciencias da Comunicación Xosé López dedicou unhas palabras ao seu "amigo" e "veciño" ao facer un repaso por toda a súa traxectoria desde a temperá mocidade na parroquia de Ribeiras de Lea (Castro de Rei, Lugo) até o día de hoxe.

Os camiños de López e Campos foron paralelos en moitas ocasións, Xosé describiuno como un mozo "curioso e inquieto" que se converteu nun home caracterizado pola "curiosidade, o esforzo, a constancia, o talento, a honestidade, a lealdade, o coñecemento, a visión, a paixón e o diálogo".

As moitas diferenzas que os separan ideoloxicamente non son máis que as que os unen como persoas. López volveu "ás súas raíces" en Ribeiras de Lea, onde se coñeceron e onde asegura que empeza a procura de Campos "por un mundo mellor". Unha conclusión á que o profesor engadiu as palabras que lle trasladou a súa nai antes de vir ao acto e que el "só ratifica": "Os de Andrés son boa xente".

ÓPTICA GALEGA
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recorreu a 'Apocalípticos e integrados' do escritor italiano Umberto Eco para explicar que Francisco Campos "non é nin apocalíptico (daqueles que atisban cada transformación como un desastre inminente) nin integrado (dos que cre que o cambio en se mesmo é saudable)". No entanto, definiuno como "galego", unha persona na que "se aúna o teórico da comunicación, o docente e o mais complicado, o xestor" que, "sen abandonar nada diso, mantén a alma de xornalista".

Liña seguinte, Feijóo subliñou a "gran virtude da prensa galega" que segue caracterizándose pola "proximidade", onde "o local adquire dimensión global e o global trátase coas pautas do local".

"Contemplar España, Europa ou o mundo con óptica galega non é un xornalismo miope", de feito "Galicia e o mundo terían unha liberdade máis pobre se algún día" estas ópticas deixasen de ser as que exerce o xornalismo autonómico, explicou.

Ademais, para concluír Feijóo recuperou as palabras de Xosé López e apuntou a que "Os de Andrés son discretos, agudos e neoliberais", cuestións que "non son menores", tanto "como ser un bo galego".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS