Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 11.12.2019 Actualizado 19:33
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

presidente de Augas de Galicia

Francisco Menéndez: "A pesar do seu elevado consumo, os gandeiros e labregos non pagarán o canon pola crise no rural"

Consciente de que é un recurso limitado, avoga por evitar "partidizar" a Lei de augas, que fixa "o segundo tributo máis barato do Estado". Ve posible o "rescate" dalgunhas presas e asegura que parte da contaminación das rías non é pola falta de depuración, senón polo mal funcionamento da rede

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO   | 18.12.2010 
A- A+

Coa aplicación da Lei de augas d como obxectivo prioritario desta lexislatura, Francisco Menéndez, presidente dende este setembro do ente Augas de Galicia, recoñece o difícil reto de evitar o actual desbaldimento dun recurso limitado. Sen datos sobre a pegada hídrica na comunidade pero consciente da necesidade de evitar un consumo excesivo, defende a aplicación dun canon que apenas se vai deixar sentir nas familias pero que suporá importantes beneficios para unha administración que tamén debe poñerse as pilas para contribuír ó aforro.

Galicia presenta un consumo de auga elevado?

O consumo doméstico ten unha tendencia á moderación. Neste eido todos somos responsables porque moito do consumo, moito máis do desexable, son perdas na rede que se deben ir mellorando e ese é un labor das administracións. A realidade é que a auga non sobra. E se lle pedimos un esforzo a todo o mundo para promover un consumo responsable, nós tamén temos que esforzarnos.

¿Cando podemos falar de gasto excesivo?

O mínimo é difícil de determinar pero podemos considerar excesivo o consumo doméstico que supere os 200 ou 250 litros por habitante e día.

Ademais do consumo nos fogares, hai outros sectores que contribúen a aumentar o gasto. ¿Como se comportan?

En Galicia, historicamente, non houbo grandes conflitos polo uso da auga. Pero agora están comezando a formularse porque existe unha conciencia que antes non tiñamos que é que o medio é un uso que tamén se debe considerar e, en moitos casos, debe primar por riba doutro. Noutros sitios de España e agora tamén co desenvolvemento dos Plans Hidrolóxicos vese que chegar a un acordo entre todos os usos é moi complicado. Porque evidentemente un desenvolvemento urbanístico que non ten en conta o recurso é insostible e a produción de enerxía precisa auga, pero tamén a refrixeración das centrais, a acuicultura ou o regadío, que a fin de contas é o maior consumidor de auga.

¿A auga en Galicia tamén é un recurso limitado?

Os cambios dos usos do solo ou as tendencias climáticas a longo prazo fixeron que en períodos de tempo un pouco amplos se aprecien diminucións realmente significativas do caudal que circula polos ríos, o que evidencia que non estamos ante un recurso ilimitado.

O canon previsto na nova lei galega pretende ser un instrumento clave para atallar o actual desbaldimento.

A Lei de augas de Galicia pretende ser un conxunto de ferramentas para mellorar a situación en relación coa auga. E unha delas é o canon, que efectivamente pretende mellorar a situación actual. Primeiro, blindando investimentos en materia de augas por parte da comunidade: agora existe un canon de saneamento que se elimina e pasa a converterse en canon da auga, que pode investirse non só en saneamento, senón tamén en abastecemento pero sempre en materia de auga. Por outra banda, esta ferramenta ten unha serie de características como a tarificación por tramos de consumo, a consideración do número de habitantes por vivenda e deducións como as exencións ós usos agrarios e gandeiros, para que teñan impactos positivos na sociedade.

As activididades agrícolas e gandeiras son grandes consumidoras de auga. ¿Cal é o obxectivo da exención no pagamento do canon?

No canon de saneamento, os usos gandeiros e agrícolas estaban considerados usos non domésticos e tiñan unha cota que podería chegar a ser importante. Dada a situación económica do rural, considérase que é necesario facer unha discriminación positiva con eles, de aí que se declaren exentos. Está claro que todo o mundo ten o seu impacto e eles especialmente pero tamén hai que recoñecerlle un esforzo de autoabastecemento e autoxestión, de aí a dedución do 90%. Non obstante, non é a única. Mantense a de familia numerosa e hai unha moi importante das comunidades de usuarios con captacións propias.

Coa entrada en vigor do canon, ¿levarase a cabo un maior control das traídas e pozos?

A Lei de aguas é un instrumento tributario que non entra en temas de concesións ou autorizacións. É a Lei de augas estatal quen define quen ten a responsabilidade en concesións e autorizacións, como teñen que ser e que evidentemente todos os usos da auga estean nun rexistro. Os organismos de conca -de Galicia e do Estado- temos a nosa parte de responsabilidade de control e rexistro, pero facémolo na medida no que podemos. Só coñecemos o que está rexistrado pero é certo que hai moitas que non están rexistradas porque continuamente estamos legalizando concesións.

¿Que lles di ós que tachan o canon de medida recadatoria?

O problema diso é que se simplifica a Lei de augas de Galicia como unha lei recadatoria, cando realmente ten moitos matices, é moi complexa, abrangue moitos campos e é moi útil para nós como administración hidráulica. Considero que a auga non se debería partidizar tanto. E o canon vai ser o segundo máis barato de todo o Estado. As críticas sorpréndenme porque estamos falando de cantidades que para as familias son moi pequenas e, non obstante, para a comunidade serán moi beneficiosas e que se van reinvestir completamente na rede da auga.

O PSdeG afirma que aquí será máis cara ca en Andalucía.

A min extráñame e me parece un pouco irresponsable facer este tipo de comparacións porque a situación é diferente e, ademais, nin sequera é certo. A fiscalidade en materia de augas é moi complexa e estanse a facer comparacións que non son reais: o que recada Andalucía en relación coa auga son varios tributos. Aquí só vai haber o canon da auga. Outra cousa é o tema dos concellos, que cobran polos servizos de abastecemento e saneamento.

A UE esixe un nivel óptimo do estado das augas para 2015. ¿Que papel xogará o Plan Hidrolóxico?

É o seu obxectivo fundamental, tanto o de Galicia Conca como o do Miño-Sil. Evidentemente é un reto complexo, sobre todo nun sitio como Galicia que ten unhas rías cunha presión humana moi grande e cunha gran dispersión poboacional.

¿Cal é o estado dos ríos?

A nivel xeral, é bo. Para elaborar o plan, dividimos todos os ríos de Galicia por tramos que consideramos homoxéneos por caracterísitcas e avaliamos o seu estado: a maior parte deles é bo. Pero tamén é certo que nun número alto, significativo, non maioritario, temos que mellorar.

Ante a presión hidroeléctrica que sofren as concas, ¿autorizaranse novos encoros?

O Plan hidrolóxico é bastante restritivo nos temas de produción hidroeléctrica. Xurdiu unha polémica bastante grande por mor de que o plan permite a instalación de 33 novas centrais. Iso non é certo porque son centrais que xa estaban concedidas hai anos. O que si é certo é que temos que pensar que imos facer con esas 33 presas. Actualmente a súa tramitación está paralizada e o Plan hidrolóxico xa indica que en tramos que sexan protexidos ou que teñan as súas augas en moi bo estado ecolóxico non se van permitir. O que pasa é que hai entidades con dereitos concesionais e hai que ter moito coidado porque son temas legais. Con respecto a novos aproveitamentos, temos claro que o criterio vai ser moi restritivo para calquera solicitude que se faga.

¿Será posible algún rescate?

Poderíase estudar un rescate ou ver outras solucións coas concesionarias. Estudarase caso por caso.

2015 tamén é a data límite para o saneamento das rías. ¿Cumpriranse as previsións?

No saneamento das rías é onde avanzamos moito e temos moito que facer. A cuestión agora está en saber por que cando chove se producen moitas verteduras das redes de saneamento ás rías. Iso significa que, a pesar de que temos unha boa depuradora que funciona cando non chove, cando hai precipitacións non lle chega toda a carga que ten que depurar porque se perdeu polo camiño. Estámolo estudando intensamente e de aquí sacaremos conclusións moi interesantes que xa serviron para decatarnos de que a xestión das redes de saneamento é prioritaria e que por moito que se execute unha EDAR, despois temos que conservala e tela en bo estado.

Non se trataría dunha carencia de depuradoras senón de vixiar o seu funcionamento.

Xusto. Porque en poucos anos teremos todas as depuradoras necesarias en Galicia e despois haberá que renovalas, cando termine a súa vida útil. Pero as instalacións teñen que ser útiles para depurar o que se xera nas aglomeracións urbanas, se non lles chega, non renden todo o que debería de render.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS