Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 14.09.2019 Actualizado 15:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Franquismo e lenda negra

XOSÉ A. GACIÑO  | 08.06.2019 
A- A+

Agora que se está a revisar a vella polémica sobre a lenda negra española (ou, máis ben, a lenda negra sobre España), que uns tratan de desarmar a base de reconstruír determinados feitos con rigor histórico no seu contexto e na súa comparación coas prácticas da época (das diferentes épocas nas que a lenda se produciu e se reproduciu) e outros tratan de resucitar e aproveitarse dos rescaldos lendarios para xustificar aventuras inconstitucionais (que se están a dirimir agora pola vía xudicial), non faltan quen, consciente ou inconscientemente, achegan borróns escuros ao cadro multicolor da diversidade española.

A Sección IV da Sala III do Tribunal Supremo, por exemplo, ven de suspender cautelarmente os plans do Goberno para exhumar o 10 de xuño os restos do ditador Francisco Franco e trasladalos do seu actual emprazamento na basílica do Val dos Caídos (de propiedade estatal) ao cemiterio de Mingorrubio (El Pardo) xunto aos restos da súa esposa. A medida, que podería considerarse normal dentro das cautelas xudiciais coas que se deben atender os recursos dos cidadáns, ten un punto inquietante cando se le, no auto da suspensión cautelar, que Franco foi xefe do Estado desde o 1 de outubro do 1936, a data na que os altos mandos militares sublevados recoñeceron a Franco como o xefe supremo do exército golpista (“xeneralísimo”) e como “xefe do goberno do Estado”, dun Estado que lle disputaban entón ao goberno lexítimo da República e do que finalmente remataron de apropiarse o 1 de abril do 1939.

Esta sorte de identificación retrospectiva coa legalidade franquista é unha maneira de alimentar as teses de que o franquismo segue a impregnar as institucións españolas, o que se pode considerar como un novo capítulo de lenda negra, neste caso elaborado e difundido, sobre todo e curiosamente, desde a propia España. E contra a que se enfronta, en certo modo, o tribunal que está a xulgar aos presuntos responsábeis da declaración unilateral de independencia de Cataluña no 2017, e que, coa vista posta nos máis que probábeis recursos finais aos tribunais europeos, desenvolveu o seu traballo cun especial coidado coas garantías de procedemento.

Non poden queixarse a familia do ditador nin os dirixentes da fundación que leva o seu nome, que son os que recorreron, xunto co superior dos beneditinos que custodian o sepulcro (e que foi falanxista antes que frade). O sistema democrático permítelles exercer uns dereitos de recurso que o réxime franquista lles negou á inmensa maioría da cidadanía e o destino dos restos do ditador vai ser, en calquera caso, moito máis digno que as fosas anónimas e as cunetas nas que os franquistas tiraron ás vítimas da súa arbitrariedade. En calquera caso, máis importante que o lugar onde repousen os restos do ditador (o bochorno polos corenta e catro anos exaltado no seu panteón faraónico xa non nolo quita ninguén) sería difundir o relato democrático sobre un dos períodos máis vergonzosos da nosa historia, sen adoutrinamentos que tanto asustan aos nostálxicos e sen manipulacións que seguen a xustificar infamias.

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS