Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Funcionarios con impunidade

XOSÉ A. GACIÑO  | 11.01.2017 
A- A+

Froito das casualidades, Federico Trillo vai recuperar o seu posto de letrado do Consello de Estado agora que esa institución vén de emitir un informe no que se recolle a responsabilidade do ministerio que el dirixía, hai trece anos, no accidente de avión no que morreron 62 militares españois que regresaban de Afganistán. Ese informe vén de recordar as circunstancias lamentábeis que rodearon aquel accidente, desde as sospeitas de corrupción encadeada nas sucesivas subcontratas (até cinco) que fixo recaer o transporte final nunha compañía que cobrou polo servicio 36.673 euros, catro veces menos que o que se lle pagou ao primeiro contratado (149.000 euros), até o vergonzoso e chapuceiro espectáculo –humillante para os familiares das vítimas– de falsificar as identidades dos cadáveres para que estivesen todos no funeral de Estado. A conclusión principal do informe é que a responsabilidade de que os militares españois fosen trasladados nunhas condicións tan precarias –sobre as que se presentaran numerosas queixas e un informe dun tenente coronel– era, naturalmente, do Ministerio de Defensa.

Federico Trillo vai volver do seu retiro na Embaixada de España no Reino Unido sen inmutarse por ese ditame, aprobado por unanimidade de todos os membros dunha institución presidida por José Manuel Romay Beccaría, que coincide con Trillo na súa condición de ex ministro dun goberno de Aznar. Tan alleo ás consecuencias do informe trata de parecer que ten declarado que xa pedira hai meses o seu relevo como embaixador e o seu retorno á súa carreira profesional.

E como neste país os postos de funcionarios –sobre todo, dos altos funcionarios– son como unha propiedade persoal, parece irremediábel que o ex ministro reprendido pase a preparar novos informes xurídicos –quen sabe se reprendendo a algún outro ministro– para un Consello de Estado que, de ser unha institución das consideradas de segunda fila, polo seu carácter consultivo, de pronto adquiriu un protagonismo merecido, polo seu pronunciamento rigoroso sobre un dos escándalos políticos deste século. Non está mal que haxa unha institución á que se lle poida valorar por un traballo serio, despois de tantas chapuzas e manipulacións institucionais como levamos contabilizadas nos últimos anos. A dúbida é que non parece que Trillo teña o perfil de seriedade e rigor que se esixe nese informe.

De momento, a actual ministra de Defensa parece disposta a asumir a responsabilidade que sinala o Consello de Estado, que, por outra parte, se limitou a cumprir o trámite que lle pediu no 2014 o ministro Morenés para cerrar o expediente interminábel do accidente do 2003. De confirmarse a postura responsábel de Cospedal, sería un notábel avance con respecto á atención que presta o PP aos traballos desa institución. Dez anos tardou Rajoy en cualificar de “magnífico” o ditame que elaborou no 2006 o Consello de Estado sobre os catro puntos da Constitución que pretendía reformar o presidente socialista Rodríguez Zapatero. No seu momento, nin se molestou en falar.

Entre recoñecer a necesidade de comezar a falar da posibilidade de facer algunhas reformas constitucionais (a marcar os límites xa comezaron Rajoy e o presidente da xestora socialista, dous políticos de efectos retardados) e que efectivamente se cheguen a efectuar eses cambios pode consumirse máis dunha lexislatura. E por suposto, poucas posibilidades –por non dicir ningunha– hai de que vaia cambiar o status deses altos funcionarios (avogados do Estado, inspectores de Facenda, rexistradoras da propiedade, notarios, letrados das altas institucións…) que pasean as súas excedencias coa impunidade de quen, faga o que faga no terreo da política ou dos negocios particulares, sempre ten as costas cubertas nas altas nóminas do Estado.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS