Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Esta vez foi inevitábel apuntarse ao símil futbolístico e celebrar o resultado do cumio xeral europeo desta semana (27 e 28 de xuño, prolongado á madrugada e mañá do 29) en paralelo ao resultado do partido Italia-Alemaña da Eurocopa, celebrado na mesma noite na que Mario Monti e Mariano Rajoy, co apoio e tutoría de François Hollande, conseguían arrancar un mínimo xesto de concesión a Angela Merkel. Falar de dobre vitoria sobre os alemáns, no fútbol e no cumio político-económico, foi o recurso fácil dos medios italianos e, por contaxio, de todos os europeos.
Falta moita letra pequena que escribir, en torno aos novos acordos do cumio semestral en Bruxelas, como para falar alegre e rotundamente de vitorias ou derrotas. Xa se sabe que na Unión Europea se avanza moi lentamente, no medio de matizacións interminábeis e aprazamentos desesperantes, e que nunca se sabe onde vai xurdir o próximo obstáculo, pero levaba tanto tempo a chanceler alemá enrocada na súa intransixencia puritana de responsabilidades por estados que soa a xesta histórica conseguir que permitise abrir unha fenda, aínda que sexa a seis meses vista e cando concreten mecanismos e condicións, para que o rescate duns bancos non leve consigo o rescate e ruína de todo un Estado e para que os fondos de rescate poidan empregarse en aliviar os acosos das primas de risco.
Pero, de momento, o rescate segue sendo rescate, por moito que se circunscriba ao sector financeiro, e supón condicións a impoñer ao Estado español, que aínda están por concretar, tanto na letra grande (interese e prazo) como na pequena (e aquí tememos de todo, desde subida do IVE ate máis recortes sociais). Queda a esperanza (o mínimo horizonte de esperanza do que falaba hai unha semana) de que, para finais de ano, desapareza a mediación estatal. Entre esa esperanza e as posibilidades de actuación dos fondos europeos para rebaixar a presión e a especulación sobre a débeda soberana, pode que os mercados se tranquilicen. Por suposto, todo moi prendido con pinzas e exposto a calquera mínima turbulencia especulativa ou verbal (xa se sabe que na UE tamén é moi frecuente que se fagan lecturas diversas dos acordos, cadaquén para o seu público, coa conseguinte sementeira de confusión).
Parece confirmarse que a chegada de Hollande á presidencia da República Francesa está a introducir novos matices na correlación de forzas na UE, pero sorprende que, ate agora, ninguén se decidise a formar unha mínima fronte de oposición ao dogma da austeridade, despois de dous anos de deterioro progresivo dos países aos que se lles aplicou a ríxida penitencia. Dentro da sucesión de improvisacións e contradicións que o levou a incumprir promesas electorais e a modificar sobre a marcha medidas anteriores (o mesmo que el lle criticou ao seu antecesor), nesta ocasión Mariano Rajoy aliñouse na nova tendencia aberta pola escasa esquerda con poder en Europa, que encabeza o presidente francés: a de abrir vías de estímulos ao crecemento (con ese primeiro plan de inversión de 130.000 millóns de euros) e a de chegar á mutualización das débedas públicas, como debería corresponder ao que debería ser, a estas alturas, un Estado federal europeo.
Volvendo ao símil deportivo, España e Italia enfróntanse na final da Eurocopa de fútbol, despois de que os italianos deixasen atrás aos alemáns, que partían como favoritos. Por unha vez, o azar futbolístico premiou aos que demostraron ser, nestes momentos, os dous mellores equipos europeos. Esperemos que, por unha vez, o azar económico premie os intentos de introducir un mínimo de racionalidade na incontrolada crise dun sistema irracional e caprichosamente inxusto.
