Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 19.06.2013
| Actualizado 13.49
O galego Rodrigo Cortés estrea a película 'Luces vermellas' con De Niro e Sigourney Weaver

Rodrigo Cortés na presentación do filme en Barcelona - FOTO: EFE
BARCELONA. EP | 27.02.2012
O director Rodrigo Cortés (Ourense, 1973) conseguiu que Robert de Niro protagonice 'Luces vermellas', un 'thriller' no que dá vida a un enigmático mentalista con poderes paranormais que o director define como "unha bomba de reloxaría de apertura retardada", porque co paso do tempo formula moitos interrogantes ao espectador.
A película, que se estrea este venres, rodouse a medias entre Toronto (Canadá) e Barcelona, e na capital catalá foi onde Cortés deu algún dos detalles do filme, que retrata o vivo debate entre os crentes no paranormal e os que se arman de argumentos científicos para rebatelos.
Na trama, Margaret (Sigourney Weaver) é unha investigadora e profesora universitaria empeñada en desenmascarar os supostos ilusionistas que presumen de ser capaces ata de curar enfermidades, mentres que De Niro encara a Simon Silver, o máis célebre deses 'farsantes'.
Cortés, que tamén escribiu o guión, remarcou que non quixo formular unha tese nin impoñer nada ao espectador, e non toma partido por ningunha das dúas partes, que, segundo o director, teñen algo en común: "Descartan calquera cousa que se afaste da comodidade das súas propias conviccións".
O encargado de dar vida a todas esas dúbidas e contradicións é o actor Cillian Murphy, fiel axudante de Margaret e o auténtico protagonista da película, "un personaxe moito máis inquietante cando o peso velenoso da ambición fai escurecer o seu carácter", sinalou Cortés.
O novo director é consciente de que conseguiu unha repartición de luxo e atribuíuno á súa "tendencia enfermiza" a non se autolimitar. "A diferenza está entre facer unha lista cos actores que queres e chamar ao sétimo ou chamar directamente ao primeiro e esperar a que diga que non", dixo.
Pero De Niro non dixo que non, máis ben todo o contrario: tivo unha reacción "moi poderosa" cara a o guión e acabou de convencerse tras asistir a un pase privado de 'Buried', a película que deu a Cortés o seu recoñecemento internacional.
"Abondaron tres cuartos de hora para comprender que estabamos na mesma nave", confesou o director, que outorga a De Niro o mesmo peso que ao traballo do resto do seu equipo, e recorda en especial o ano de intensa documentación no que leu toneladas de material sobre parapsicoloxía.
Ao final, o filme ten unha patina de "thriller político dos anos 70", cunha sensación conspirativa constante e unha fotografía fría, aséptica, que sitúa o espectador nun ámbito misterioso e incómodo á vez.
Tras o éxito inesperado de 'Buried' --protagonizada por un Ryan Reynolds encerrado nunha caixa de madeira-- Cortés escribiu o guión de 'Emergo' co material descartado de 'Luces vermellas', e axiña chegou a preproducción e a rodaxe desta película, polo que non parou en ningún momento.
"Se me preguntades sobre o meu próximo proxecto direivos que é durmir", chanceou, e avanzou que necesita tempo para dixerir todo o vivido nos dous últimos anos.
© 2013 www.galiciahoxe.com
Todos os dereitos reservados. Prohibida a
reprodución total ou parcial do contido sen a
expresa autorización do propietario.