Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 18.05.2013
| Actualizado 11.27
Os galegos gastarán unha media de 59 euros nas rebaixas que arrincan este domingo, 1 de xullo, 9 euros máis que no mesmo período do ano anterior e un euro por baixo da media do Estado, onde o gasto se sitúa en 60 euros, segundo datos da Federación de Usuarios-Consumidores Independentes (FUCI).
Nun comunicado, FUCI informou de que Madrid --cunha media de gasto de 75 euros--, Cataluña --con 72 euros-- e País Vasco --con 68 euros-- serán as comunidades máis consumistas, mentres que Murcia (cunha media de investimento de 50 euros), Estremadura (con 48 euros) e Canarias (con 46 euros) serán as autonomías que menos gasto farán durante os dous meses que duran as rebaixas.
O informe de FUCI reflexa que o gasto en Galicia sobe con respecto ó efectuado en 2010 e 2011, pero se mantén por baixo dos 81 euros de media que investiron os galegos nas rebaixas en 2009, os 88 euros de 2008, os 107 de 2007 ou os 122 euros que se gastaron en 2006.
No conxunto do Estado, o gasto medio tamén aumenta con respecto ó ano anterior --un 16,6%, pasando de 50 a 60 euros--, pero descende un 20 por cento o número de consumidores que comprará en rebaixas. En total, son sete de cada dez os españois que teñen previsto comprar neste período.
FUCI recorda ós compradores que deben esixir o cumprimento dos seus dereitos neste período e avógase por "un consumo racional, calculado e esixente", recordando que as rebaixas "son no prezo e non na calidade". Entre as recomendacións, a organización de defensa dos consumidores aconsella fixar un orzamento previo e revisar con atención as etiquetas.
REBAIXAS "MOI LIXEIRAS"
A pesar de que as previsións de FUCI é que aumente o gasto medio con respecto ó anterior exercicio, segundo as previsións do presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, serán "moi lixeiras" en canto a vendas, pois augura un descenso en relación con anos anteriores de entre o 9 e o 12% na facturación.
En declaracións a Europa Press, Seijas referiuse ó nivel actual de consumo dos galegos, "baixo" e ás condicións meteorolóxicas --que "tampouco axudan"-- como os dous elementos que motivan estas expectativas. Así, lamenta que as vendas serán "moi justitas" porque "a xente vai comprar o que necesite de verdade" e cun orzamento "moi axustado".
En canto ós descontos, José María Seijas advirte de que os comercios "non poden facer máis" dos que xa aplican, pois teñen que cubrir custos e, en caso de pasar o 70%, os establecementos poderían, ata, ter que asumir perdas.
O habitual nestas últimas tempadas de rebaixas, máis agresivas para tratar de evitar os efectos da crise, é que os comerciantes empecen aplicando entre un 30 e un 40% de desconto e que finalmente cheguen a establecer entre o 60 e o 70%, explica Seijas.
CAERÁ O GASTO POR FAMILIA
Tamén o gasto medio por familia caerá, segundo as previsións da Federación Galega de Comercio, pois o seu presidente está convencido de que "será máis baixo que outras veces" ó haber "moitas familias que están todos os seus membros no paro e sen ningún tipo de prestación".
O 99% das rebaixas, apunta, desenvolveranse entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, aínda que, segundo establece a lei, os comercios poden elixir entre aplicalas durante unha semana --como mínimo-- e dous meses --como máximo-- nun período máis amplo, que abarca ata o 31 de setembro.
"Os primeiros días é cando acode a xente", constata Seijas, pois incide en que os clientes "xa teñen mirados os artigos" que queren e a súa localización. "Logo descende" a afluencia "e vaise vendendo", indica. "Pero non son xa esas rebaixas de outrora", reflexiona.
REDUCCION DE RECLAMACIÓNS
Pola súa banda, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, destaca en declaracións a Europa Press a redución "bastante considerable" das reclamacións desde a entrada en vigor da nova Lei galega de comercio.
De feito, asegura, a asociación recibe unha media de 15 ó 20 por cada tempada de rebaixas, polo que considera que unha realidade na que as prácticas dos comercios eran abusivas "está xa superada".
Seguen xurdindo "as dúbidas máis tradicionais", apunta, en alusión a "estrañas circunstancias" en que, iniciado o período de rebaixas, "volve haber andeis cheos cando antes se empezaba a notar carencia". "Milagrosamente cheas", ironiza.
MESMAS REGRAS DE XOGO
O responsable da unión tamén sinala ós períodos previos con promocións e ofertas, "que están facilitando as compras do consumidor pero poden levar algún tipo de xogo non do todo limpo". Sobre todo, incide, para o pequeno comercio, "que ten máis dificultades para poder competir cos grandes".
"As regras deben ser iguais para todo o mundo", advertiu. "Coa actual normativa, se se respectan as regras, temos espazo para todos", subliña.
Para López Crespo, un dos aspectos positivos da nova lei é que establece a obrigación de que produtos que estiveron baixo promoción nos 30 días previos ó arranque das rebaixas "non poderán porse á venda" con desconto. Isto é "bo" para o consumidor, por "se ten necesidade doutro tipo de produtos" e máis "en momentos de crises".
RECOMENDACIÓNS
A Unión de Consumidores de Galicia ofrece ós cidadáns as recomendacións tradicionais, que, segundo considera o seu secretario xeral, teñen "perfectamente asumidas", pois as rebaixas son "algo xa asimilado na conciencia do consumidor galego", que sabe "cando comezan e cando terminan". "Aqueles problemas sobre devolucións, medios de pago... non se están dando. Son máis unha anécdota", apostilou.
Así, recorda que os produtos deben ter a mesma calidade que aqueles de os que se dispuxo durante a tempada ordinaria, o prezo rebaixado ten que figurar xunto ó orixinal e os dereitos son "exactamente" os mesmos.
Miguel López Crespo confía en que poida ser "unha boa campaña" a das rebaixas 2012, tendo en conta que o verán, en Galicia, empeza "non só desde o punto de vista do calendario", senón tamén desde o meteorolóxico.
