Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 28.03.2020 Actualizado 20:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galicia "abre as súas portas" ao turismo de congresos e ofrece o seu potencial de atracción ao sector

Máis de 300 persoas participan en Santiago na reunión anual dos Organizadores Profesionais de Congresos

SANTIAGO. EP  | 20.02.2020 
A- A+

A desestacionalización do turismo, o gasto medio por visitante ou os contactos profesionais. A comunidade galega e, en concreto, o Concello de Santiago abren as súas portas para abrazar o chamado turismo MICE, de congresos, de negocios e que deixa unha gran pegada económica no territorio, ademais de fomentar a chegada de viaxeiros en épocas de menor afluencia.

Así o destacaron tanto o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, como o responsable do ramo no Concello compostelán, Gumersindo Guinarte, durante o acto de inauguración do 32 Congreso Nacional de Organizadores Profesionais de Congresos, que se celebra desde este xoves no Palacio de Congresos da capital galega.

Máis de 300 persoas participarán entre este xoves e venres neste evento na capital galega, para intercambiar información, experiencias e formalizar contactos para mellorar na calidade da organización deste tipo de actos.

Rodríguez ofreceu a estes visitantes toda a infraestrutura dispoñible no territorio galego para a organización deste tipo de eventos, situando a Galicia como "un espazo absolutamente atractivo" para desenvolver as súas actividades.

"Queremos abrir as portas para potenciar esta tipoloxía", destacou, coa mirada posta no próximo Xacobeo 21. Neste sentido, destacou a "amplísima demanda" da partida orzamentaria da Xunta destinada ao financiamento deste tipo de eventos, que o Goberno galego decidiu ampliar tralas máis de 200 solicitudes chegadas de toda Galicia.

Nesta liña, Guinarte situou a Santiago como destino turístico "universal", ao final dos camiños e cidade Patrimonio da Humanidade e que cada ano recibe a "centos de miles de visitantes" gozando do seu patrimonio, historia e gastronomía, unido ao "fenómeno global" dos peregrinos e o Ano Santo.

Máis aló de todo iso, insistiu na importancia de "consolidar" á cidade como destino MICE, que é "unha prioridade" para o Goberno local, posto que achega "valor engadido" e supón un impulso "a todo o sector e toda a cidade" polo seu elevado gasto medio por visitante e a desestacionalización da afluencia turística.

INTERCAMBIO DE EXPERIENCIAS
Ambos os mandatarios participaron na inauguración do evento acompañados da presidenta de OPC España, Matilde Almandoz, e da OPC Galicia, Ana Trevisani. Esta última situou a Galicia de "exemplo" de colaboración institucional e de "compromiso" co sector MICE.

Os profesionais que participan no congreso realizarán unha "profunda reflexión" sobre o estado e o futuro do sector, as súas ferramentas de traballo, a relación con provedores e clientes, o impacto nas cidades acolledoras de eventos, e para lograr unha maior sustentabilidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS