Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 19.01.2018 Actualizado 20:38
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galicia alcanza a maior cifra de transplantes da súa historia en 2017, con 340 intervencións

SANTIAGO. EP  | 12.01.2018 
A- A+

O Servizo Galego de Saúde conseguiu no pasado ano 2017 unha cifra record de 340 transplantes de órganos nos seus hospitais, a cifra máis elevada desde que se iniciou a actividade deste tipo en Galicia hai case 40 anos.

Así o deu a coñecer este venres a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, que presentou acompañada de representantes do Sergas os datos de doazóns relativos ao último ano.

En concreto, do total de transplantes realizados en Galicia, 160 foron de ril --dos cales 31 procedían de doante vivo--, 105 de fígado, 1 de páncreas, 26 de corazón e 48 de pulmón. Desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, até o 31 de decembro de 2017, levan feitos en Galicia un total de 7.585 transplantes de órganos.

En comparación co ano 2016, a cifra de transplantes realizados en Galicia creceu case un 14%. Fíxoo nos transplantes de ril, que pasaron de 135 a 160; nos de fígado, de 91 a 105; e de pulmón, de 39 a 48. No entanto, diminuíron os de corazón, de 29 a 26; e os de páncreas, de 5 a 1.

No 2017, Galicia rexistrou un importante peso do transplante de ril de doante vivo, que se incrementou até un total de 31. Desde 2001, realizáronse 279 transplantes neste apartado, o que supón que o 19,4% do total de transplante de ril en Galicia procede de doante vivo.

DOANTES
O número de doantes de órganos cadáver en Galicia situouse en 113 (64 na provincia da Coruña, 6 na de Lugo, 7 na de Ourense e 36 na de Pontevedra); o que supón que Galicia rexistra o mellor ano en número de doantes nun exercicio --41,9 doantes por millón de habitantes--.

No relativo ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (77%), sendo a porcentaxe de doantes por accidente de tráfico de tan só un 3%. Con respecto á idade media do doante, foi de 62 anos.

A taxa de negativas familiares situouse o pasado ano 2017 nun 21,5%, unha das cifras máis baixas desde o inicio da actividade de transplantes e sete puntos por baixo do ano anterior. Isto, dixo Marisa López, supón que oito de cada 10 familiares aceptan a doazón, unhas cifras que eloxiou.

Actualmente, Galicia conta con 107.649 persoas con tarxeta de doante, das que algo máis de 4.000 se realizaron durante o ano 2017, un crecemento do 37,6% con respecto exercicio precedente.

No que se refire á doazón de medula ósea, Marisa López destacou que Galicia conseguiu en 2017 o obxectivo establecido polo Plan Nacional de Medula Ósea, rexistrando 1.499 novos doantes. Deste xeito, a comunidade conta con máis de 9.000 doantes de medula ósea rexistrados, o que supón un incremento do 20% desde a posta en funcionamento do Plan Nacional.

PROGRAMA EDUCATIVO
A Coordinación Autonómica de Transplantes de Galicia realizou 103 charlas a escolares no curso académico 2016-2017 para fomentar a doazón, nun total de 85 centros educativos de 45 concellos. Nestas actividades tomaron parte un total de 5.307 escolares.

Así mesmo, desenvolveuse o Plan Proxecta: Educando en Valores, que abarcou a 14 centros con 773 escolares e 47 profesores. A este programa, indicou a directora da entidade, engádense as visitas guiadas ás instalacións de ADOS nas que tomaron parte 19 centros de ensino secundario e universitario e no que participaron 615 estudantes.

Ademais, convocouse, no pasado curso, o II Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea, no que participaron cinco traballos elaborados por 12 estudantes universitarios; así como o V Concurso de Curtametraxes sobre doazón e transplante, no que tomaron parte 59 alumnos de 11 centros procedentes de oito concellos diferentes.

Do mesmo xeito, continuouse co programa de formación especializada en doazón e transplante de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia. Mediante o desenvolvemento de tres seminarios de comunicación de malas noticias no proceso de doazón e sete cursos sobre proceso de doazón e transplantes, ofreceuse unha formación "altamente especializada" a 232 profesionais sanitarios.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS