Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 20.01.2020 Actualizado 21:11
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galicia aspira a ser das primeiras rexións europeas que alcance neutralidade climática

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no Cume do Clima COP25 - FOTO: XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no Cume do Clima COP25 - FOTO: XUNTA

13.12.2019 
A- A+

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegura que Galicia aspira a ser das primeiras rexións da Unión Europea que alcance a neutralidade climática, é dicir, que compense as emisións que non poden ser eliminadas coas absorcións da propia contorna natural.

Para conseguilo, a titular do departamento de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou as "principais liñas da estratexia galega de cambio climático e enerxía (EGCCE) 2050" no acto 'Galicia resiliente: comunidade e clima', enmarcado na xornada de clausura do Cume Mundial do Clima.

Vázquez debullou a folla de ruta galega, que integra 170 medidas e implica un investimento de 1.250 millóns de euros. Entre elas encádrase a aposta polas enerxías renovables e a xestión das masas forestais e dos ecosistemas.

En concreto, conseguir cero emisións netas de gases efecto invernadoiro pasa por "afrontar o cambio climático, xestionar os residuos e o aproveitamento sustentable dos recursos".

RETO PRINCIPAL
En materia enerxética, a conselleira puxo en valor a Comunidade como a "segunda rexión española que produce máis enerxía de fontes limpas" e que se sitúa aos niveis "máis altos" dos países europeos.

No entanto, nesta "Galicia verde e azul" tamén se están percibindo cambios que se manifestan nas temperaturas, nos fenómenos meteorolóxicos extremos ou na distribución da choiva. Os efectos do quecemento global son igualmente "visibles", apuntou.

Por todo isto, o reto principal do Goberno galego é "alcanzar a resiliencia e avanzar até alcanzar no ano 2050 o obxectivo da neutralidade climática, facendo fincapé na capacidade do sector forestal galego e do medio rural para lograr estes obxectivos".

ECONOMÍA CIRCULAR
Ao Cume do Clima tamén se desprazaron representantes do Sergas e da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para explicar a estratexia da economía circular do sistema galego de saúde.

Pola súa banda o director do Xera, José Ignacio Lema Piñeiro, centrouse na importancia que ten o sector na transición de cara á economía circular, a mitigación do cambio climático e á fixación de poboación no rural.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS