Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Galicia balneario

JOAQUIM VENTURA  | 22.06.2018 
A- A+

Tal como está o panorama das candidaturas a dirixir o Partido Popular, cada día comprendo máis e mellor a prudencia de Alberto Núñez Feijoo. Non é que sexa santo da miña devoción pero vistas as súas maiorías absolutas, cómpre aceptar que o país é o que é e que hai o que hai. Unha situación que vista a mil quilómetros, non sempre resulta doada de entender se non se dispón do desencriptador correspondente.

Núñez Feijoo era hai un tempo a “gran esperanza branca” de consenso cara á sucesión de Mariano Rajoy. Unha sucesión que se adiviñaba tranquila, unha vez rematada a presente lexislatura, cando o daquela presidente do goberno español optase pola xubilación, que xa serían moitos anos na trincheira. Había daquela o horizonte de 2020, cando tanto as eleccións xerais como as galegas estivesen para seren convocadas e o trasvase sucesorio podería ter lugar sen máis incidencias: coma moito, unhas primarias para a presidencia do PP que serían un paseo militar para o “unxido” (virtualmente, que agora xa non se toleran as designacións a dedo).

Pero como aqueles cántaros que van tantas veces á fonte, ao final hai que se escachan de tanto arriscar. E foron tantas as veces que o Partido Popular afrontou unhas eleccións dopado con cartos de máis e de orixes inconfesables que cando caeu a primeira condena efectiva, Rajoy non soportou a moción de censura de Sánchez. Tan tocado quedou que tras caer como presidente do goberno, presentou a dimisión como presidente do PP, renunciou ao escano e solicitou o reingreso como rexistrador da propiedade. Nin tan sequera tivo folgos para pedir a indemnización posterior ao cese, nin a oficina que lle correspondería como antigo presidente nin esa xubilación dourada que é ingresar no Consello de Estado.

E tanto desde o PP como desde a prensa esperábase que o sucesor “natural” –malia a perda da moción de censura- sería Núñez Feijoo, de maneira que se superase tanto o impasse na cerna do partido como dos/das posibles candidatables: evitar o enfrontamento entre Sáinz de Santamaría e Cospedal e asemade a herdanza deixada por Rajoy.

Pero o presidente da Xunta decatouse –penso que o sabía de hai moito- que a cúpula popular é un niño de víboras. O asunto era poñer pesos e contrapesos nos pratiños da balanza: nun o que ten seguro, é dicir dous anos aínda de lexislatura e previsión dunha nova maioría nas eleccións autonómicas vindeiras; no outro, os atrancos: competir nas primarias e caso de gañalas, traslado a Madrid (neno dun ano incluído), exercer de presidente do partido desde a oposición e sen o trampolín dunha acta de deputado no Congreso, e –o que é máis fodido- ter que dominar as correntes internas e os restos da etapa aznarista-rajoyista.

A pouco siso que teña un, queda claro que o segundo pratiño ficaría moito máis caído que o primeiro. Aquilo de páxaro na man antes que cento a voar. E Núñez Feijoo dixo que non, que non se movía de Compostela, non resultase –incomodidades aparte- que fosemos vestir un santo para deixar espido o patrón. E que se era a cúpula residente en Madrid quen xestionara a etapa de Mariano Rajoy –na oposición ou no goberno- que fosen os seus membros os que solucionasen o problema. Que non tiña máis eiva evidente que as fotos con Marcial Dorado en 1995, feitas públicas en 2013, un asunto que quedou amortizado cando gañou a maioría absoluta en 2016. Claro está que correu o rumor de que unha das candidatables podería dispoñer doutras evidencias incómodas, grazas á súa relación co CNI, pero daquela o escándalo salpicaría máis ao verdugo cá vítima e aumentaría máis o problema en troques da solución.

Moito traballo, daquela, o que se lle presentaba ao galego unxido se a iso lle engadimos que aínda haberá “mortos” nos armarios do PP, sen esquecer as sentencias pendentes de saír. En consecuencia, coa non concorrencia de Núñez Feijoo ao PP se lle apareceron de novo os pantasmas que quería conxurar: enfrontamento entre persoas ante a falla de debate de ideas entre proxectos (o medo atávico á discrepancia, herdanza da unicidade franquista). E, con iso, falsa renovación pola presenza das dúas rajoyistas máis comprometidas coa continuidade do aznarismo sen Aznar (Gürtel, Bárcenas –“despido simulado e en diferido”-, “imperio da lei”). En resume, un duelo de dúas avogadas do Estado coa ameaza, por riba, de que quen presentou máis avales -agora no ollo do furacán por unhas supostas convalidacións de asignaturas nun máster- foi afillado político de Esperanza Aguirre. Como para abandonar a tranquilidade compostelá...

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS