Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 27.01.2020 Actualizado 20:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Vázquez Padín, secretario xeral de Converxencia XXI

"Galicia Bilingüe é un grupo que defende privilexios do pasado, como o Ku Klux Klan"

Galeguistas e de centro, aspiran a presidir a Xunta a longo prazo e a xogar un "efecto virtuoso e extraordinario" na comunidade, obrigando os extremos, para eles o BNG e os populares, a "moderarse". Nas municipais do 2011, Tui, Trazo e Ordes terán candidaturas deste novo partido

ROSABEL CANDAL . SANTIAGO   | 16.10.2010 
A- A+

Vázquez Padín, tomando un café, nas instalacións de GALICIA HOXE

Unha nova forza política se abre paso na escena galega. Chámase Converxencia XXI, defínese como galeguista e de centro, ten un proxecto a longo prazo para chegar a gobernar a Xunta e nestas próximas eleccións municipais presentarán as súas primeiras candidaturas en algún que outro concello. Despois de máis de ano e medio traballando, a comezos deste outubro celebraron en Compostela o seu I Congreso no que a militancia elixiu a Carlos Vázquez Padín -Tui. 1973. Licenciado en Ciencias Políticas pola USC e Máster en Dirección e Administración de Empresas- como secretario xeral.

Para que serviu este I Congreso de Converxencia XXI?

Para formalizar e lexitimar unha dirección do partido escollida pola afiliación, porque ata o de agora estabamos cunha executiva interina.

Sobre cantos afiliados son?

É un dato reservado, pero pódoche dicir que en fans de Facebook somos o segundo partido de Galicia, detrás do PP, é que desde a fundación do partido -4 de maio do 2009- a afiliación multiplicouse por 25.

Definense como galeguistas e europeistas, aspirando a diferenciarse dos tres grandes partidos. Non obstante, tanto PPdeG, como PSdeG como BNG tamén din ser galeguistas...

Galeguista en folclore significa que che gusta moito a muiñeira; musical que che gusta moito a gaita; gastronómico que che gustan moito os ­mexilóns da ría de Vigo e o polbo á feira; pero galeguista en política significa ter como único norte a defensa dos intereses colectivos de Galicia e o PP e o PSOE non actúan así. Son organizacións de ámbito estatal, as decisións claves tómanse en Madrid e con imputs de toda España. Nese contexto, os intereses galegos son minoritarios porque España é un Estado eminentemente mediterráneo. Polo tanto, sempre que o poder de Galicia estea en mans de organizacións de ámbito estatal, será discriminada na decisión de políticas públicas, pero non por unha cruzada en contra dela, senón porque non ten suficiente peso e influencia por razóns estruturais dentro de España.

Galeguistas si, pero non nacionalistas...

O PP e o PSOE son nacionalistas de Estado e o BNG é nacionalista dun territorio, Galicia, que non ten Estado. Cremos que Galicia é nación se os galegos democraticamente din que é nación. Galicia será o que queira ser e ningún demócrata lle pode poñer límite á decisión que tome un pobo.

Teñen pensado presentarse ás municipais do 2011...

Temos a candidatura de Tui confirmada -eu a encabezarei-, e está moi perfilada a posibilidade en Ordes e Trazo. Pero imos primar a calidade sobre a cantidade. Preferimos ter 5 edís que saiban do tema e que nos permitan saltar nas seguintes eleccións a 50, que ter 20 e logo pasar a 5 porque un se vai ó PP, como lle pasou a Terra Galega. Non imos tolear para medrar máis rápido do que podemos.

Miran logo a longo prazo...

Eu dixen hai un ano que aspiramos a gobernar a Xunta en vinte anos, ou sexa que agora quedan 19. Máis dun riuse de min e alguén aconselloume que nunca falase de datas. Calquera proxecto debe ter planificación, xa que aínda que non signifique que se vaia conseguir seguro, podes coordinar as túas accións. Se non o único que fas é improvisar e é todo unha trapallada. Nós aspiramos a gobernar en Galicia, pero implantar un partido desde cero leva moitos anos e o cualitativo é crucial para a credibilidade.

En TeGa houbo xente que se pasou para outros partidos...

É que o concelleiro de Láncara de TeGa nunca deixou de estar afiliado ó PP. Eu estiven visitando a xente do PNV en Bilbao e cando lles dixen que nós eramos o primeiro partido galeguista de centro desde a Transición que esixiamos cotas de afiliación e que tiñamos un rexistro de afiliados e lle entregabamos un carné, quedaron moi sorprendidos. O fracaso de todos os proxectos anteriores ten unha explicación moi sinxela e quen pretende vaticinar que nós imos fracasar non fai ningún tipo de análise.

Pero si que é certo que se trata dun espectro político moi dividido en Galicia no que sempre pasaron cousas "curiosas"...

Si, porque non se traballou con seriedade. Agora está dividido o PG, tamén TeGa, pero todos estes non teñen afiliados no sentido estricto da palabra. Nós, en número de afiliados somos xa de lonxe o máis grande deles. Estamos convencidos de que a medida que nos vaiamos consolidando, a xente darase conta de que nós somos o proxecto serio e de futuro. A idade media da nosa executiva é de 32 anos e a dos afiliados é de 30 anos.

En Galicia precísase ocupar un espazo político baleiro...

Si, e achegaría unha riqueza maior ás combinacións políticas. Obrigariamos o PP e o BNG, os extremos, a recentralos e moderalos. Xogariamos un efecto virtuoso e extraordinario na política galega, de modernización e de europeización. Se trasladamos o panorama de Galicia a Cataluña e imaxinamos que alí hai só dúas alternativas, ou o PP ou unha coalición entre ERC e o PSC, todos nos dariamos conta de que teñen un problema grave, xa que só terían dúas opcións de goberno moi alonxadas e iso impide un panorama de estabilidade e progreso. Vimos como o señor Feijóo cuestiona todas as decisións claves do Bipartito e este cuestionou as do Goberno de Fraga, aínda que lle tapou as vergoñas e os desmáns de dezaseis anos.

Como ve o goberno de Feijóo?

Como un goberno provincial e provinciano, que concibe a Xunta como un goberno puramente administrativo. Estariamos falando dunha especie de macrodeputación que usan en función dos seus intereses electorais e non dos de Galicia. Hai unha serie de decisións moi reveladoras do papel subordinado e rexional que o PP lle outorga a Galicia. Na eurorrexión, por exemplo, Castela e León desvirtúa esa eurorrexión e debilátaa, pero o PP prefire reforzar os seus intereses e non os de Galicia. Despois, Núñez Feijóo está constatemente viaxando por España para facer autopromoción persoal, de proxección dun líder rexional do PP que quere facer carreira para progresar en Madrid.

Como ve as relacións de Feijóo con Galicia Bilingüe?

Eu compararía a Galicia Bilingüe co Ku klux klan. Ás veces dá a sensación de que GB é Luther King, alguén que está loitando pola liberdade, pero non, porque é un grupo que defende privilexios do pasado, de persoas que non queren ter ningún tipo de contacto coa lingua galega, e isto non ten nada que ver coa liberdade e fastídiame moito porque eu son liberal. Eu non lembro a ningún destes de GB protestando, hai vinte ou trinte anos, porque o galego non era lingua oficial. O nivel de hipocresía é brutal e o nivel de responsabilidade do PP na persecución do seu obxectivo político tamén. Buscan a homoxeneización lingüística de España, porque teñen unha idea de España moi pechada, moi simplificada e moi nacionalista español. O obxectivo do PP é castelanizar Galicia.

Como sairemos da crise?

É moi preocupante, hai problemas estruturais moi graves, unha produtividade moi baixa e temos unha administración moi pesada e ineficiente. Nós propoñemos a supresión das deputacións e xa temos tomada unha medida preventiva, xa que hai partidos, como é o BNG, que tamén o pedían e agora están moi cómodos no uso dos seus resortes caciquís. O día que Converxencia XXI teña deputados provinciais entregará un 40% do seu salario a un fondo que se gastará anualmente nun equipamento para un municipio. Iso demostrará que queremos cargarnos unha institución parasitaria que só serve para o control político e antidemocrático e que reparte o diñeiro de forma discrecional, para favorecer intereses políticos e non á cidadanía nin ó país.

Por que se meteu en política? En Converxencia XXI puxo todo o seu empeño persoal...

No 2002 estaba no PNG-PG, un partido escisión de Coalición Galega e que estivo integrado no BNG. Dinme de baixa porque era imposible facer política de centro desde o Bloque, pero daquela non estaba nas circunstancias persoais para embarcarme neste proxecto tan complicado e que esixe tanta dedicación. Un dos males deste país é que a xente fala e queixase moito pero cústalle máis actuar. Se non o fan os demais, se as elites do país, que fallaron, se sinten moi cómodas votando ó PP, outros teremos que poñer este tema en marcha e convencer á xente de que só con ferramentas de poder propio Galicia podería encarar o século XXI en boas condicións.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS